🚜 ALIMAGRO | Unha inauguración interminábel

ALIMAGRO (667) (FILEminimizer)

O concelleiro de Medio Rural, José González; o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Alonso; o Delegado Territorial da Xunta; a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, acompañada de varios concelleiros, entre eles, Amador Díaz, do departamento municipal de Medio Rural, organizador de Alimagro e que foi o encargado de abrir os discursos; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense (o que máis se estirou no discurso, e iso que dixo que era a primeira vez que falaba para unha banda de música); as alcaldesas da comarca (Susana Vázquez, de Porqueira; e Asunción Rodríguez, de Rairiz de Veiga), os alcaldes de Vilar de Barrio e Vilar de Santos, o de Sarreaus, o de Trasmiras, Emilio Pazos, que se mantivo nun segundo plano, igual que os representantes doutros concellos; a xente do Inorde en Xinzo, incluído Antonio Fernández, portavoz municipal do PP, acompañado como case sempre por Carlos Gómez, parlamentario (quen escribiu un logo artigo nas súas redes sociais poñendo en perspectiva histórica a Feira e que reproduce o Diario do Limia)... Todas e todos estiveron no acto que bendixo a Igrexa, como hai unha semana na Feira do Comercio, e inauguraron outra fin de semana de Feira.

A inauguración de Alimagro 2022, prevista segundo o programa para as doce do mediodía, atrasouse media hora. Na Limia non hai présa. E o conselleiro ademais chegou tarde. Despois atrasouse todo. Ás dúas menos cuarto aínda non arrancara a cociña en directo de Víctor Burgos no recinto do pavillón. Primeiro porque os representantes institucionais se estiraron nos discursos (e só o conselleiro, co asunto do PEL, deu noticia dalgunha novidade). E, segundo, porque para cando chegaron ao final do seu paseo polos stands do pavillón, o que fixeron as autoridades foi picar algo e beber algo. A cociña en directo podía esperar. 

Nos discursos todas e todos estiveron correctos e produciuse o esperado pim-pam-pum entre os do PP e os do PSOE a ver quen puxo máis cartos para o regadío. Os regantes alí presentes confirmaron que si, que Inés Santés, o martes no Inorde, contou ben e Tragsa xa leva furado 15 pozos, un terzo dos proxectados. Tardan tres ou catro días en facer cada pozo. Os trámites administrativos aínda van amodo. As asembleas das comunidades de regantes volveranse reunir este mes. Para o día 16 todas deberían ter acordada a fusión das catro nunha única como pide Madrid.

O conselleiro González recibiu apertas de todas e todos. El era a máxima autoridade e a el agradeceron todas e todos o traballo en prol do regadío. Así que González sacou do peto outro agasallo. Ensinará o PEL, dixo. Xa este mes. Case un ano despois de que os técnicos deran por rematado o traballo de poñer en orde os debates da Mesa da Limia que comezaron hai máis de dous anos. Na Limia non hai présa, deberían ter advertido a José Guirao, o técnico castelán que onte pedía a Galicia que se poña as “pilas” na cuestión da declaración de zona vulnerábel.  


FOTOGRAFÍAS: Noelia Caseiro.