FOTOGALERÍA | A neve deixa a súa pegada en toda a comarca
18 de enero de 2023 (16:27 h.)
A neve chegou con forza a toda a comarca para tinguir a súa paisaxe de branco. Ningún concello se salvou nesta noite da caída das folerpas polas que toda A Limia se mantén nun aviso de nivel laranxa por acumulación de neve, ao igual que todo o sur da provincia.
Nas zonas máis altas de Baltar e Sandiás a neve seguía a caer ao comezo desta mañá, coas carreteras despexadas para permitir o paso dos vehículos. Coa evolución da xornada, e a nevada que non cesaba en algúns puntos, como Cerredelo, en Sandiás, quedaban incomunicados á espera do paso das quiteneves.
En Trasmiras a neve tamén fixo a súa aparición e cubriu de branco moitos puntos do concello, como a estrada que comunica Viladerrei con Cualedro, pasando por San Andrés. No caso de Porqueira, a caída de neve durante a noite foi menor e quedaron menos restos esta mañá.
En Vilar de Barrio, onde a neve xa caeu durante a fin de semana na serra, as folerpas non amainaban este mediodía e seguían tinguindo de branco o municipio. En Sarreaus tampouco se libraron deste temporal e a nevada era visible ao comezo deste mércores, ao igual que nas zonas máis altas de Rairiz de Veiga e en localidade como Laioso, en Vilar deSantos.