#FESQ22 🐺 | Todo listo para unha edición Festa do Esquecemento que fará historia

Estas imaxes son deste mesmo xoves, a 24 horas de que abra o campamento e se inaugure o mercado de artesanía, a Festa do Esquecemento 2022, a do regreso após a pandemia, xa enche Xinzo. As previsións din que o tempo acompañará, as carpas romanas e as casetas castrexas están listas, o Toural foi un fervedoiro estas últimas tardes, os estandartes presiden as rúas e a Praza Maior loce de gala. A lenda do cruzamento do río Lethes volve poñer Xinzo no mapa das festas históricas. Espéranse convidados de Lugo, romanos e castrexos do Arde Lucus, mais tamén visitantes de Astorga e Cartaxena. O Limia, cando menos no tramo do Toural, presenta o mellor aspecto en anos. A Limia ten festa na capital da comarca desde mañá até o domingo. 

FOTOGRAFÍAS: Noelia Caseiro.