FOTOGALERÍA | O "XI Tangaraño cultural" arranca cunha exposición co apoio dos Concellos da contorna

Os alcaldes de Xunqueira de Ambía, Baños de Molgas, Vilar de Barrio e Xinzo de Limia xunto a Rochi Nóvoa.
Mercedes Vázquez Saavedra.
A Colexiata de Santa María de Xunqueira de Ambía acolle a exposición.
As pandeireteiras de Xunqueira de Ambía .
Rochi Nóvoa, presidenta da asociación organizadora do "Tangaraño Cultural".

A undécima edición do festival "Tangaraño Cultural" celebrarase o vindeiro 1 de xuño na aldea de Sobradelo (Xunqueira de Ambía). Pero, iste ano, as actividades ao redor da lingua, da música e da cultura do país xa deron comezo coa inaguración da exposición "As Mulleres das Capas", de Mercedes Vázquez Saavedra.

O pasado xoves, a Colexiata de Xunqueira de Ambía acollía a inauguración dunha mostra que busca pór en valor ás mulleres. Un acto que, ademais, contou coa actuación musical de Aturuxa, as pandeireteiras de Xunqueira de Ambía. A exposición permanecerá aberta ao público ao longo dun mes, ata o vindeiro 17 de xuño.

Rochi Nóvoa, presidenta da asociación que organiza o "Tangaraño Cultural", aproveitaba para insistir que "son claves as institucións locais para que o festival siga adiante e, afortunadamente, posúen a sensibilidade necesaria para valorar a importancia destes actos a nivel cultural e social no rural".

E quedou ben demostrado coa asistencia de José Luis Gavilanes, alcalde de Xunqueira de Ambía, de Manuel Conde, rexedor do Concello de Vilar de Barrio e de Manuel Ángel Fernández Movilla, alcalde do Concello de Baños de Molgas. Por vez primeira, súmase á iniciativa o Concello de Xinzo de Limia; o seu alcalde, Amador Díaz, tamén estivo presente na inaguración da exposición.