NOTICIAS XINZO | Shinrin-yoku na carballeira de Trandeiras

_DSC2399 (FILEminimizer)
_DSC2402 (FILEminimizer)
_DSC2410 (FILEminimizer)

Un baño de bosque, en xaponés: Shinrin-yoku, é unha sorte de terapia que promove o benestar físico e psicolóxico das persoas. En Trandeiras, este martes, un grupo de escolares do Instituto Lagoa de Antela, acompañados por Pepe Santos, defensor do monte galego e das árbores, un naturista e humanista limiao, empezaron a entender e a reivindicar para aqueles bosques, carballeiras e sendeiros que levan aos paseantes do mosteiro ao Castelo da Pena, a través da chamada Ruta da Portela, o valor singular dun bosque que alén doutros usos sempre tivo utilidade terapéutica. Reivindicar hoxe esas propiedades son unha tarefa urxente para algunhas contornas, como a magnífica carballeira de Trandeiras, tan preto e tan lonxe de Xinzo coas súas espléndidas ruínas de 500 anos.

Haberá máis accións ao redor de Trandeiras, os bosques e a Ruta da Portela, avanzou Pepe Santos, do Comité de Defensa do Monte e das Amigas das Árbores, mentres lles contaba ás alumnas e alumnos cousas de Lovelock, a hipótese Gaia e a necesidade de pensar globalmente para actuar no local... cousas que veñen de vello e que axudan a mirar unha carballeira centenaria con outros ollos.

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, e o concelleiro de Educación, Alberto Martínez, recibiron ás escolares e mestras. Despois, Pepe Santos guiou o camiño até o Castelo.

FOTOGRAFÍAS: Noelia Caseiro.