FOTOGALERÍA | A ilusión chegou da man dos Reis Magos para nenos e maiores de Porqueira
Os Reis Magos chegaron a Porqueira para encher de ilusión aos máis pequenos, pero tamén aos maiores. A súa primeira parada foi na residencia sociosanitaria do concello, onde as súas Maxestades estiveron cos residentes e compartiron con eles a maxia deste día. Como non podía ser doutro xeito, recibiron os seus agasallos entre música, xa que unha banda de música acompañou ás súas Maxestades nesta xornada.
A seguinte parada, despois de tan longa viaxe dende Oriente, foi o Concello. Alí estiveron cos cativos de Porqueira, entre os que repartiron lambetadas e agasallos. Os nenos aproveitaron a ocasión para entregarlles as cartas que aínda quedaron pendentes. Por último, a cita festiva rematou cunha merenda na que houbo chocolate e, como non, un roscón de Reis.