FOTOGALERÍA | Control conxunto na autovía da Garda Civil e da GNR portuguesa
A Garda Civil e a Guarda Nacional Republicana (GNR) realizaron esta mañá na autovía, nun punto do concello de Trasmiras, un control de tráfico conxunto en tres niveis: un primeiro de velocidade, outro de alcohol e drogas, e un terceiro para vehículos pesados e transporte de mercancías.
O control forma parte dunha iniciativa europea de colaboración fronteiriza de corpos de seguridade e nel participaron seis efectivos da GNR e 12 da Garda Civil. Os policías lusos colaboran en aspectos administrativos e de revisión de documentación dos vehículos daquel país.
Este tipo de exercicios de cooperación desenvólvense desde hai 20 anos, cunha periodicidade trimestral, dun e doutro lado da fronteira.
O tenente Barja, da Garda Civil, que atendeu aos medios convidados, sinalou que no terceiro punto de control mídese o peso dos camións con balanzas móbeis e revísanse no tacógrafo os tempos de condución e descanso. Barje recoñeceu que este martes estaba sendo un día de pouco tránsito e, polo tanto, menos infraccións.
Os controis repetiranse mañá e pasado noutros puntos da provincia, xa sen a presenza da policía lusa.
FOTOGRAFÍAS: Cátia Portela.