FOTOGALERÍA (I) | En Vilar de Barrio festexaron algo máis ca pataca: o rural

FOTOS: Noelia Caseiro.
A rexedora do Concello de Porqueira, Susana Vázquez Dorado.
A representación institucional, na preceptiva foto.
A charanga Europa encargouse de animar a hora do vermú.
Velaquí os seis xeitos que teñen en Vilar de Barrio de cociñar as súas patacas.
E aquí, o primeiro e único prato do xantar: o becerro "do noso concello".
O presidente do Inorde, Rosendo Luis Fernández.
Tamén se dirixiu ao público o xefe territorial en Ourense da Consellería de Medio Rural, o exalcalde de Bande José Antonio Armada.
Susana Vázquez Dorado, alcaldesa de Porqueira.
A rexedora máis moza de todos, Uxía Oviedo, de Maceda.
O alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose, en representación do concello coruñés tamén produtor de patacas.
Manuel Conde, o rexedor anfitrión, alcalde de Vilar de Barrio.
Charanga, si... Pero non hai celebración no rural se non hai banda de gaitas!
Á esquerda da imaxe, o alcalde dos Blancos, José Manuel Castro Blanco.
Á esquerda, o deputado autonómico de Democracia Ourensana, Armando Ojea.
O primeiro edil de Xinzo, no centro da imaxe: Amador Díaz Penín.
Josefa Asunción Morgade, alcaldesa de Rairiz de Veiga.

Día grande na 45 edición da Festa da Pataca do Concello de Vilar de Barrio. Aínda que non todo foi pataca, máis ben a capitalidade do municipio viviu unha fermosa xornada de exaltación do que foi a vida do rural décadas atrás e da que aínda quedan algúns retallos.
 

Alí estaban apoiando á celebración o presidente do Inorde, Rosendo Luis Fernández; o xefe territorial en Ourense da Consellería de Medio Rural, José Antonio Armada, e unha boa representación de rexedores municipais, entre os que se atopaban, ademais do anfitrión, Manuel Conde; o de Xinzo, moi vinculado ao sector da pataca, Amador Díaz Penín; Vilar de Santos, Antonio Míguez; a primeira edila de Porqueira, a popular Susana Vázquez Dorado; a súa homóloga de Rairiz, Josefa Asunción Morgade Rúa, ou os tamén representantes munícipes do Partido Popular en Os Blancos -José Manuel Castro Blanco- e Baltar -José Antonio Feijóo-.
 

A representación socialista estaba encabezada polo voceiro do PSdeG na Deputación de Ourense, Álvaro Vila, acompañado pola tamén deputada provincial e exalcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández, e os tamén rexedores Aquilino Valencia (Calvos de Randín) e Uxía Oviedo, de Maceda
 

E até se deixou ver o parlamentario autonómico de Democracia Ourensana, Armando Ojea
 

O sector da pataca estaba representado, entre outros, polo presidente da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, José Manuel Gómez Gómez, máis coñecido por "Cazolas" e o alcalde de Coristanco (A Coruña), Juan Carlos García Pose, un dos municipios que tamén destaca pola produción do tubérculo que esta fin de semana se homenaxeaba en Vilar de Barrio. 

O acto institucional chegou logo do desfile de elementos tradicionais -destacando unha xugada de vacas- e a posterior degustación gratuíta dos seis xeitos de preparar a pataca de Vilar de Barrio. Non faltou a música de charanga -Europa- e a oportunidade de adquirir algún dos produtos que ofrecía o mercado montado na praza do Concello. 

Logo do aperitivo, centos de persoas deron conta do becerro do "noso concello" asado ao espeto, acompañado, como non, de patacas do mesmo concello co do becerro. 

Quedou tempo para coñecer os premios, en metálico, á pataca de maior peso, ao conxunto delas máis raras e tamén ás mellores cestas de produtos de outono e ao mellor destes últimos

O tempo, solleiro, acompañou a unha celebración festiva que, coa pataca como referente, converteuse nunha verdadeira exaltación da vida do rural, esa que aínda non se perdeu de todo.