FOTOGALERÍA | Vilar de Santos lembrou a lenda na I Festa da Arracada
Este sábado celebrouse na aldea de Sáa -no Concello de Vilar de Santos- a primeira edición da Festa da Arracada, un evento que deu os seus primeiros pasos cun programa de actividades pensadas para reivindicar a nosa cultura e fortalecer os lazos comunitarios. A xornada deixou claro o potencial desta iniciativa para medrar nos vindeiros anos.
Entre as actividades, destacou especialmente a representación teatral "A lenda da Arracada", que contou coa colaboración imprescindible da asociación Civitas Limicorum, cuxo compromiso e esforzo foron clave para o éxito desta festividade, xa que ca súa posta en escena, logrouse dar vida ás raíces históricas da nosa rexión, poñendo en valor o patrimonio material e inmaterial e achegándoo á poboación para ofrecerlles unha mellor comprensión e interpretación dos bens patrimoniais autóctonos.
Outras propostas, como a Xincana Celta, o Xantar Popular e as Olimpíadas Celtas, contribuíron a enriquecer unha celebración que combinou tradición e convivencia nunha contorna natural única.
Dende o Concello de Vilar de Santos agradecen o apoio de todas as persoas e entidades implicadas, así como animan á veciñanza e visitantes a participar nas próximas edicións para consolidar esta festa como cita imprescindible no seu calendario cultural.