📚 NOTICIAS XINZO | O curso volve ser o que era
“Este ano empezamos a descubrir os rostros dalgúns nenos e nenas; e tamén dalgúns compañeiros profes”, di Xosé Manuel García, director do CEIP Rosalía de Castro, o primeiro día de aulas, no inicio do curso 2022-23, na post-pandemia, despois de dous anos moi duros no que a comunidade escolar sufriu e adaptouse a unha nova forma de convivir, ensinar e aprender. “Adeus aos grupos burbulla, benvidos os patios que se poden compartir”.
Adeus á covid e ás máscaras. “O mellor que podo dicir desta xornada é que o curso comezou con absoluta normalidade. Que siga así”, di Xosé Manuel mentres atende os asuntos do día a día, unha nai que vén pedir os libros, unha substitución nunha clase... Benvida a normalidade.
No Rosalía de Castro este ano terán algún alumno menos, pero sumarán unha nova unidade en Primaria, até 14, máis as 6 de Primaria. Tamén consolidaron unha praza de mestre máis. Prestarán mellor atención ás rapazas e rapaces. O curso comeza sen máis novidade que a visita da alcaldesa acompañada por dous concelleiros.
“É unha gran alegría ver aos nenos e nenas e aos profesores sen máscara, sen grupos burbulla e abrazándose”, manifestou a alcaldesa segundo informa nunha nota de prensa o Concello de Xinzo, e prometeu “novas actuacións para mellorar as instalacións”.
A comitiva municipal visitou tamén o CEIP Carlos Casares e A Galiña Azul. E anunciou que mañá acudirían aos institutos, onde hoxe se celebraban as presentacións dos diferentes cursos. Os institutos semellaban baleiros. Os aparcadoiros cheo cos vehículos dos profesores e o persoal, mais as aulas desertas e apenas grupos de mozas e mozas esperando a quenda da súa presentación.
Na Galiña Azul empezaron xa onte. Os máis cativos volven sen máscaras. Os país que os acompañan nestes primeiros días e o persoal, tamén. Normalidade. O curso volver ser o que era. “E nós, os profes, tamén estamos algo emocionados. Sempre pasa”, confesa o director do Rosalía de Castro.
FOTOGRAFÍAS: Diario do Limia / Concello de Xinzo de Limia.