FOTOGALERÍA | Unha fin de semana na Limia moi reivindicativa e cultural

Visitas das mulleres rurais de A Lomba ao obradoiro de Xosé Lois Carreira.
Antón Riveiro Coello falou da súa obra no salón de plenos de Xinzo de Limia.
Xinzo de Limia acolleu a xornada educativa "Rebelión Docente".
O movemento reivindicativo Plantámonos recorreu a comarca da Limia na fin de semana.
Serafín González -científico do CSIC estatal e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)-, leva anos denunciando a contaminación por nitratos na Limia.
No Museo da Limia quedan, dende esta fin de semana, xa custodiados os contidos dixitalizados de cinco cintas de casete, testemuño que conteñen a expresión musical, recollida nos anos 70, na aldea de O Toxal.

Comezamos o noso repaso do que foi a fin de semana o venres. Este pasado 18 de outubro, varias mulleres de Laroá, Fiestras, Nocedo e Faramontaos, todas elas integrantes da Asociación de Mulleres Rurais A Lomba, festexaron o Día delas visitando o obradoiro do escultor limián Xosé Lois Carreira, quen lles amosou ás visitantes o seu último traballo: a escultura da primeira xinecóloga galega, Olimpia Valencia, orixinaria do concello de Baltar, e á que Carreira está honrando dándolle forma na pedra. 

Cara a noitiña, tamén dese venres, foi a quenda doutro limián de pro, Antón Riveiro Coello. O salón de plenos do Concello de Xinzo acolleu unha actividade aberta organizada polo Club de Lectura Antelea, onde os asistentes tiveron a oportunidade de comentar a novela A ferida do vento co seu autor. Trala charla, celebrouse un coloquio participativo, no que veciñas e veciños compartiron as súas impresións sobre a obra.

Seguimos con xente que ten moito que dicir, e ensinar na Limia: a "profe" Inma. Xa o sábado, Xinzo de Limia acollía a xornada educativa "Rebelión Docente", un evento pioneiro que reuniu a mestres, educadores e familias para reflexionar sobre un novo modelo educativo. Coordinado pola pedagoga Inma Jardón, o encontro centrouse na importancia do xogo, o desenvolvemento emocional e a neuroeducación para unha educación máis respectuosa e adaptada aos tempos actuais.

A xornada foi todo un éxito, cunha ampla participación e interesantes intervencións por parte de recoñecidos profesionais do ámbito educativo.

A segunda xuntanza do movemento estatal Nos Plantamos/Plantámonos, que se celebrou en Allariz dende o venres 18 ata este domingo, finalizou cunha xornada protagonizada por un roteiro reivindicativo pola comarca da Limia co obxectivo de dar a coñecer de primeira man os impactos da gandería industrial.

Ao longo dese encontro leváronse a cabo diferentes dinámicas e formacións co fin de establecer estratexias para denunciar os impactos sociais e ambientais do modelo agroalimentario e poñer sobre a mesa os vindeiros pasos para avanzar en colectivo cara unha transición agroeocolóxica no marco da soberanía alimentaria como alternativa á agroindustrialización da produción de alimentos.


E para rematar, o Museo da Limia quixo festexar o cancioneiro popular nun acto de entrega simbólica de material recollido da tradición oral, patrimonio inmaterial que partíu no seu día dos eidos galegos e que volvía a eles para ser gardado e protexido. No museo limián quedaron xa custodiados os contidos dixitalizados de cinco cintas de casete, testemuño que conteñen a expresión musical, recollida nos anos 77, na aldea de O Toxal (Porqueira).