FOTOGALERÍA | Conclúe, coa entrega de diplomas, o Obradoiro conxunto de Xinzo e Sandiás
Este martes celebrouse na Casa da Cultura do Concello de Xinzo de Limia o acto de clausura e entrega de diplomas ás 20 persoas participantes do Obradoiro de Emprego no Camiño. O programa cofinanciouse entre a Consellería de Emprego e Igualdade e os concellos de Xinzo de Limia e Sandiás.
O alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, estivo acompañado polo alcalde de Sandiás, Felipe Traveso, polo xefe territorial de Emprego e Igualdade, Iago Borrajo, e pola exalcaldesa Elvira Lama. O acto estivo moderado por Margarita Vázquez Alcalde, directora do Obradoiro.
Tódolos intervintes quixeron agradecer o traballo e implicación das 20 alumnas e alumnos, que conseguiron levar adiante moitos proxectos de humanización nos dous concellos. En Xinzo de Limia, realizáronse tarefas de mantemento dos moitos parques e xardíns de titularidade municipal, como foron a reparación e renovación de xardineiras, poda de árbores e un longo etcétera de actuacións nos entornos do Parque da Seara, Rúas Lepanto e Galicia, o grupo Santa Mariña ou o Parque do Pombal, entre outras.
Tamén se incidiu por parte da sección de carpintaría no mantemento e reparación de bancos, así como no embelecemento e humanización de diferentes zonas coa instalación de varandas ou cobertoiras para os colectores do lixo.