FOTOGALERÍA | Unha feira con debates e Esquecemento

A cámara de Noelia Caseiro resume nestas imaxes o que foi a Feira deste luns 27 de xuño, a primeira do verán, con sol e boa afluencia de público. A Feira volveu ser praza pública e escenario de debates. Empezando polo que mantén enfrontados a feirantes, hostaleiros e comerciantes co goberno local. Os ambulantes e os negocios establecidos queren que o mercado volva ocupar as rúas onde estaba antes da pandemia. Outro debate que chegou á Feira é o que mantén veciñanza inqueda cos efectos da expansión eólica polas serras da Limia e da Baixa Limia cos poderes públicos que consenten o que as plataformas veciñais definen como unha invasión. A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova chantou unha mesa para dar información e recoller apoios contra dous proxectos de Greenalia que ameazan á Limia: un polígono eólico que afecta Bande, Verea e, en menor medida, Rairiz de Veiga e a Liña de Alta Tensión que parte de Calvos de Randín e atravesa as veigas de Lobás e Porqueira e o mesmo Limia. Recolleron máis dun cento de alegacións (cada veciño podía asinar contra os dous proxectos). Con todo, a novidade que máis chamou a atención foi o regreso da Festa do Esquecemento, con Marcos Argibay á cabeza. Hoxe, a primeira vez en moito tempo que a Festa se volvía facer presente na Feira, o posto do Esquecemento apareceu cun cómic e manualidades para lle recordar á veciñanza que volven cunha aposta moi renovada.