FOTOGALERÍA | Nenos de Xinzo e de Ponte de Lima abrazan ao río Limia
O XI Abrazo ao río Limia estase a desenvolver este venres con case 200 rapaces dos centros Rosalía de Castro e Carlos Casares de Xinzo e coa visita de cativos portugueses chegados dende Ponte de Lima. A xornada comezou esta mañá cun acto de benvida na Casa da Cultura, que contou coa actuación da Banda de Gaitas de Xinzo para recibilos a todos.
A alcaldesa en funcións, Elvira Lama, destacou que esta actividade permite conmemorar "a ese río que nos une". Por outra banda, Gonçalo Pereira, concelleiro de Medio Ambiente da Cámara Municipal de Ponte de Lima, agradeceu a acollida e destacou a importancia do Limia, da súa auga, para ámbolos dous territorios.
Posteriormente, os rapaces trasladáronse á zona do río Limia na vila para proceder co "abrazo". Nesta parte da actividade tamén houbo tempo para plantar unha árbore como recordo deste día. Unha vez que remataron, os rapaces diríxironse aos centros educativos limiaos para desfrutar do xantar para seguir coa xornada pola tarde.
Ao longo do día, os estudantes de Ponte de Lima visitaron o Museo Galego do Entroido, antes de partir cos de Xinzo cara a zona onde nace o río Limia. A xornada remata en Allariz, onde coñecerán os xardíns da vila.