GALERÍA | Último día da Feira do Comercio ProLimia
A Feira do Comercio ProLimia despedíase este domingo cun sorteo de rifas no que se repartían tres premios de 100 euros para canxear nos comercios locais. As papeletas, entregadas por mercar nos postos da feira, resultaron ter un enorme éxito entre os asistentes, chegando a venderse as 2000 que había en total.
O resto de actividades lúdicas que precederon ao sorteo gozaron tamén de moi bo acollemento entre o público, sendo o concerto da Chikiband un dos máis alabados da xornada. Non quedou atrás o taller de artesanía con barro impartido por Arte Arrebol, que logrou cubrir a totalidade do seu aforo.
A maior parte dos comerciantes valorou moi positivamente a súa experiencia na feira. Resaltaron o bo traballo levado a cabo por toda a organización do evento, e o respeto por parte dos asistentes ás normas hixiénicas anti - covid que había aplicadas. Ademáis, grazas á gran afluencia de público, os vendedores puideron promocionar con éxito os seus produtos e servizos e mesmo viron superadas as súas expectativas no tocante aos resultados en ventas.
Pero, sen dúbida, un dos factores máis resaltados polos participantes foi o compañeirismo que se viviu durante todo a estancia no evento. A axuda e o bo trato entre os comerciantes resultou ser o tema mellor valorado da feira. A gran maioría estaría encantado de voltar a repetir a experiencia xunto aos seus compañeiros.