GALERÍA | Xinzo dispón de múltiples locais en aluguer debido á falta de demanda
Só con botar unha ollada xeral ao Concello de Xinzo de Limia pódese observar a gran cantidade de carteis de "se alquila" distribuidos ao longo do centro e aforas do pobo. O municipio xa contaba dende facía meses cun gran número de locais e baixos comerciais dispoñibles para arrendar, pero as cifras experimentaron un ascenso trala crise pandémica.
Camila, de Inmobiliaria a Plaza, expón como este último ano aumentou o cese de contratos de arrendamento de locais -a maior parte de pequenos comercios- , e como a crise está levando a que cada vez máis xente teña medo a emprender un novo negocio. Actualmente, na súa empresa contan cunha oferta de máis de 15 locais acondicionados e cun gran número de baixos en estado de obra nova.
A situación faise notoria en determinadas rúas como a Dous de Maio, San Roque, a avenida de Madrid ou en gran parte da zona antiga do concello -establecementos nos que anteriormente había pequenas tendas de roupa, decoración, bares...- .
Pola contra, a demanda de pisos para arrendar encontrase nunha posición totalmente oposta, apenas hai apartamentos ou casas dispoñibles. José Antonio, de Inmobiliaria Invercoisa, confirma a gran problemática da falta de vivendas no concello e expón como só contan con catro libres para o aluguer. En Inmobiliaria a Plaza encóntranse xa nunha situación de tardanza, chegando a ter que manter aos interesados en listas de espera de varios meses.