GALERÍA | Xinzo, a vila das fochancas
Chega só con dar unha pequena volta por todo o Concello de Xinzo para observar a gran cantidade de rúas e accesos que se encontran nun mal estado para a circulación -tanto de peóns coma de vehículos-.
Na zona de San Roque hai un gran número de fochancas e lousas desfeitas ao largo de toda a rúa e a praza, a maior parte resultado do desgaste temporal e o mal uso e coidado por parte dos cidadáns. O concello xa plantexara a substitución das lousas de pedra durante os meses de verán, pero a medida veuse paralizada debido á gran afluencia de turistas e a imposiblidade de pechar o acceso. As obras serán retomadas en breve.
Do mesmo xeito ocorre en rúas próximas á praza San Roque, por exemplo, na Alexandre Bóveda. Ao longo de toda a vía encóntranse unha gran cantidade de fochas, algúnhas dun tamaño moi considerable, e outras resultado dun mal traballo de cubrimento e parcheado feito no pasado. O concello tamén prevé un plan de arranxo do tramo, ademais de incluír outras zonas situadas no casco antigo da vila que necesiten reparación -probablemente se solicite un orzamento para o vindeiro ano- .
A maior parte de rúas situadas arredor do río Limia presentan un estado descoidado e con moitas imperfecións. O paso de peóns da avenida Río Limia conta con diversas fochancas, as cales poder pór en risco a seguridade dos viandantes. Cabe resaltar tamén a gran cantidade de pasamáns de madeira do camiño do río, moitos roubados ou danados por mor dos actos vandálicos.
Avanzando un pouco máis, na rúa do Río Támega -diante do centro sociocultural- pódese observar un claro desgaste da vía. No resto de camiños da proximidade vese como os traballos de parcheado das fochas foron insuficientes, pois a grava acabouse soltando.
No outro lado do río, no camiño do Bouzo -diante das piscinas exteriores- preséntase unha zona moi irregular e con fochas de grava levantada, o que pode orixinar derrapes dos vehículos. Cruzando a ponte, no aparcadoiro da Alameda do Toural, a maior parte das fochancas localízanse pegadas ao extremo da beirrarúa, e ao longo da mesma.
O plan do concello para mellorar o tránsito e a estética do paseo do río é pór en marcha unha renovación do mesmo, na que se procederá á creación dun novo paseo circular dende a renovada Sitibal - a iniciativa aínda está por confirmarse-.
A antiga vía da avenida de Ourense encóntrase tamén nun estado pésimo para circular. Ao longo de todo o treito pódense observar un sinfín de fochas, moitas de diversos tamaños e profundidade -algunhas supoñen un perigo para a circulación de vehículos- . Xunto a avenida Madrid, ambas forman parte dun plan de mellora da mobilidade e accesibilidade das vías de acceso á vila que o concello presentara nunha das últimas visitas institucionais ao delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González.