NOTICIAS XINZO | Ana Pontón amósase "confiada e ilusionada" co proxecto do BNG na vila
O contador para o día das eleccións municipais está cada vez máis preto de chegar a cero, polo que algúns líderes autonómicos xa se deixan ver polas diferentes localidades acompañando aos candidatos. Este é o caso do BNG de Xinzo, que este martes recibiu a visita de Ana Pontón, voceira nacional, para celebrar unha reunión de traballo sobre o proxecto de Camilo Vila, quen encabeza a lista dos nacionalistas para os comicios do 28 de maio.
A líder do BNG rematou a xornada de traballo co equipo de Vila "confiada e ilusionada". O candidato nacionalista recibiu ca Pontón na primeira parte desta visita no Xpazo, onde lle comentou o estado do seu plan para conseguir a alcaldía de Xinzo e estudar o encaixe das súas propostas no proxecto do BNG para a Xunta.
Posteriormente, Vila e unha boa parte do seu equipo, Manuel Pozo, Alba Feixóo, Marta Joga, Mirian Opazo, Xaira Pena e José Manuel Tareco; traballaron con Pontón arredor dos principais problemas que presenta a vida no concello de Xinzo. Abordaron a ameaza do despoboamento, a falta de traballo, a fenda dixital e a situación financeira da institución. A líder dos nacionalistas animou ao equipo de Vila a continuar bebendo de exemplos exitosos coma Allariz ou Pontevedra. Por outra banda, José Manuel Nieto fixo un percorrido pola evolución, situación e ameazas no sector primario, do que é coñecedor.
Por último, a xornada rematou cun percorrido polas rúas para amosar as ideas nas que traballa o BNG de Xinzo para a reforma das avenidas, cun plan multisectorial estratéxico, co comercio e a hostalaría como piares. Camilo Vila confesou a súa ambición “pola ocasión que se presenta de reformular o modelo de vila”. Ademais, nesta saída á rúa, Pontón aproveitou para saudar e falar coa veciñanza limiá.