NOTICIAS XINZO | Grandes expectativas na terceira edición da Feira do Comercio
Comezou a terceira Feira do Comercio de Xinzo de Limia, unha aposta do pequeno comercio por sacar cabeza a finais de verán diante das grandes distribuidoras, un chamamento á solidariedade e o compromiso da veciñanza que conta con todo o apoio institucional, desde o Concello de Xinzo até a Xunta de Galicia, representadas hoxe nos discursos. E mesmo da Igrexa católica, que bendixo a Feira antes dos discursos. Hai ilusión nos comerciantes e moito traballo previo, horas roubadas ao descanso que evidencian o empuxe da vila. Hai dinamismo en Xinzo, din os políticos. E resposta por parte da sociedade civil a todos os eventos que se programan. A Feira do Comercio permanecerá aberta hoxe, mañá e pasado, e ofrecerá talleres e premios alén das ofertas que realizan en cada tenda. Non hai desculpa para non se pasar dar unha volta.
FOTOGRAFÍAS: Diario do Limia.