NOTICIAS XINZO | Elvira Lama, a que máis posou para o álbum do cuatripartito
O durísimo comunicado do PP de Xinzo onte contra o protagonismo que a alcaldesa, Elvira Lama, tomou na viaxe da Banda de Gaitas á República Checa a través da publicación de imaxes nas redes sociais, convenientemente amplificadas desde as redes oficiais do Concello de Xinzo durante os días que durou a misión, e a mención directa ao responsábel de comunicación a servizo do goberno local, persoa cunha estreita vinculación ás estruturas do PSOE, volve colocar no foco as dificultades de comunicación dun goberno no que, ademais do PSOE, participan un representante do BNG, dous de AXIL e o concelleiro Pérez Campos (xa sen adscrición).
O álbum 2022 do goberno cuatripartito evidencia a absoluta preferencia na comunicación municipal de Elvira Lama (que ten apenas un concelleiro máis que o seguinte socio, e suma un menos que todos os demais xuntos). Lama é a raíña da galería oficial nestes últimos oito meses. A personalización da comunicación na súa figura foi en aumento a medida que avanza o tempo e se achegan as municipais do ano que vén.
Lama, e o PSOE con Lama, arrancarán o curso político previo aos comicios de maio con varios corpos de vantaxe grazas a unha comunicación externalizada e que, sobre o papel, debería atender a todos os departamentos e formacións que compoñen a ampla coalición.
Nestes últimos meses a comunicación está indo por diante da política, e engulindo a política ao mesmo ritmo que Elvira Lama engole o protagonismo do resto de concelleiros. Como exemplo, a última campaña de Cultura, a iniciativa Trocalibros, na que Ramiro Rodríguez (BNG) desapareceu dos focos e quen acompañou á alcaldesa foi o concelleiro socialista de Deportes. A anulación do responsábel nacionalista de Cultura por parte da alcaldesa foi un fito notábel que tamén subliñou o PP.
Como exemplo tamén están os esforzos de Amador Díaz (AXIL), tenente de alcalde e máximo rival de Lama entre os partidos da coalición na próxima carreira pola Alcaldía, para intentar levar por si mesmo unha comunicación autónoma e en paralelo. Mais sen conseguir desfacerse dos compromisos que atan a colación, e que ofrecen curiosos (e negativos) resultados, como o feito de ter presentado onte unha feira (a máis importante que se celebra na Limia) que comeza mañá.
A seguinte colección de imaxes (a maioría, difundidas polo Concello de Xinzo) resumen a actividade pública de Elvira Lama á fronte do cuatripartito durante as últimas 34 semanas, practicamente as mesmas que faltan para que comece a próxima campaña electoral, que xa lanzou o PSOE facendo uso da comunicación municipal que comparte cos socios e futuros rivais en maio de 2023.