NOTICIAS XINZO | A vila lembra a cada vítima de violencia de xénero cunha árbore

Os estudantes de 2º da ESO do IES Lagoa de Antela plantaron árbores polas vítimas. | FOTOS: Noelia Caseiro.
Os mozos do instituto participaron neste acto en lembranza das mulleres asasinadas polos seus maltratadores.
A alcaldesa, Elvira Lama, acompañou ós rapaces.
Mozos da vila recitaron poemas contra a violencia de xénero na Praza Maior.
Chapa co lema "Non peches os ollos".
Elvira Lama leu unha declaración en repulsa da violencia de xénero.
Mulleres do taller da Escola Rural de Saúde da Limia celebrado en Arnuide. | FOTO: Escola Rural de Saúde da Limia.
As veteranas de Sarreaus teceron pola igualdade. | FOTO: Escola Rural de Saúde da Limia.
Ganade tamén participou nas actividades con motivo do 25N. | FOTO: Escola Rural de Saúde da Limia.
Acto polo 25N no diante do Concello de Vilar de Santos.

Neste 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, Xinzo saíu á rúa para amosar a súa repulsa contra este grave problema social. Novos e maiores participaron esta mañá en diversos actos de rexeitamento da violencia que sufrion e sofren moitas mulleres no país.

O primeiro acto conmemorativo desta xornada tivo lugar no entorno das piscinas exteriores, onde alumnos de 2º da ESO do IES Lagoa de Antela plantaron unha árbore por cada unha das 38 vítimas de violencia de xénero que foron asasinadas neste ano. O Concello prestou o espazo e preparou os buratos nos que se plantarían as árbores, que foron cedidas pola profesora do ciclo de Agraria do IES Cidade de Antioquía, Carmen Míguez. Por último, o CDR O Viso organizou esta acto de lembranza e de concienciación para os máis novos.

Posteriormente, a Praza Maior de Xinzo foi o lugar onde se gardou un minuto de silencio por todas esas mulleres que perderon a vida a mans dun home. Varios mozos leren poemas relacionados con esta xornada e a alcaldesa, Elvira Lama, leu un manifesto no que condenou a violencia de xénero e destacou que en Galicia, no que vai de ano, presentáronse "6.259 denuncias de mulleres que sufriron algún tipo de maltrato por parte de parellas ou exparellas". A rexedora rematou a declaración recalcando que "querémonos vivas, querémonos libres e querémonos iguais".

Na Praza Maior tamén se instalou unha carpa informativa do CIM nos que se ofrecía todo tipo de información sobre programas e recursos sobre violencia de xénero. Ademais, repartíronse unha chapas co lema "Non peches os ollos".

Ao longo da semana, a Escola Rural de Saúde da Limia tamén quixo ser partícipe desta xornada e levou a cabo varios obradoiros sobre igualdade e contra a violencia de xénero en Sarreaus, Arnuide, Ganade ou Sandiás. Ademais, Vilar de Santos tamén se uniu a esta xornada reivindicativa coa lectura dun manifesto diante do Concello e agasallaron ás mulleres do municipio.