NOTICIAS XINZO | Os nenos exercen o seu dereito a participar na vida social e política da vila
Os cativos do CEIP Rosalía de Castro visitaron esta mañá o Rexistro do Concello de Xinzo para presentar formalmente diversas peticións ao Goberno municipal. Esta actividade enmarcouse no Día da Infancia e a Adolescencia, que se celebrou o pasado domingo, e no que o CDR O Viso sumouse ó lema "Participamos! É o noso dereito" da Plataforma de Organizacións da Infancia de Galicia para darlles voz ao nenos e promover o seu dereito a participar na vida social e política do seu municipio.
A entidade, en colaboración co CEIP Rosalía de Castro e a súa ANPA, traballaron con varios cursos de Primaria co obxectivo de interiorizar os dereitos infantís propios e o respecto polos das demais personas. Con dinámicas participativas, alumnos e profesorado conseguiron poñerlle nome aos dereitos e deberes das persoas, valorar o poder da palabra e respectar a intimidade. Esta foi unha primeira parte da actividade, que rematou coa entrega das peticións no Rexistro do Concello esta mesma mañá, coa meta de facer realidade o seu dereito de participación e para darlles voz.
As peticións que presentaron hoxe son: o coidado, limpeza e melloras no río Limia; a creación de novos zonas de xogo para as súas idades en varios lugares; espazos para a práctica do deporta na propia vila e non nas aforas; reducir a presenza dos coches e aumentar as zonas naturais; crear parques específicos para animais e controlar os excrementos nas rúas; e pediron un compromiso coa non violencia e o non ás guerras.
O CEIP Rosalía de Castro, a súa ANPA e o CDR O VISO reivindican o seu compromiso cos Dereitos da Infancia, sobre os que están a traballar nun plan a longo prazo dentro do propio centro, dirixido á súa comunidade educativa. Por iso, queren contar co compromiso doutras institucións, entidades, asociacións e da comunidade limía no seu conxunto porque "se conseguimos unha vila e unhas aldeas pensadas para a infancia, viviremos mellor".
As actividades do 20 de novembro completáronse este luns cun encontro de alumnos de Formación Profesional Básica do IES Lagoa de Antela no CIX, onde se lles animou a defender os seus dereitos a través de internet e a participar no Buzón Cidadá da web do Concello de Xinzo.