NOTICIAS XINZO | A Feira do Comercio dá por iniciada a súa cuarta edición
A Feira do Comercio de ProLimia iniciou esta mañá a súa cuarta edición cun acto inaugural ao que asistiron membros da corporación municipal de Xinzo, representantes doutro municipios da comarca, así como da Xunta, da Deputación ou da Federación de Comercio de Ourense. Concha Conde, presidenta de ProLimia, agradeceu a participación dos comerciantes e asegurou que "unidos farémonos máis fortes ante as dificultades que estamos a sufrir como comercio local".
Beatriz Gómez, presidenta da Federación de Comercio de Ourense, destacou a importancia deste tipo de iniciativas e de apoiar ao comercio local. Emma González, xerente do Inorde da Deputación, foi a seguinte en tomar a palabra e falou das dificultades que atravesa o sector e do que aporta para a economía e a sociedade, sendo un potente motor de dinamización.
O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, foi outro dos asistentes e puxo en valor o traballo que fai ProLimia. Por último, o alcalde de Xinzo, Amador Díaz, afirmou que esta feira está "consolidada" e destacou a importancia de que todas as institucións públicas colaboren activamente con este sector. Díaz aproveitou a ocasión para tender a man aos compañeiros de corporación, xunto coas institucións presentes, para "loitar por un edificio que nos permita albergar este tipo de eventos".
O acto rematou ao son da música da Agrupación Musical da Limia e cos representantes das institucións colaboradoras cortando a cinta para dar inicio a esta nova edición da Feira do Comercio da Limia, na que se dan cita case medio cento de establecementos e negocios da vila e da comarca. En paralelo, a feira conta cunha ampla programación para mellorar a experiencia de todos os asistentes.