Alcaldes da Limia, comprometidos coa limpeza das pistas agropecuarias e a calidade das augas
Preocupados pola limpeza dos canales, das pistas agropecuarias e a problemática da calidade da auga da comarca, os alcaldes da Limia mantiveron un encontro co presidente da Confederación Hidrográfica do Miño - Sil (CHMS), Xosé Antonio Quiroga, para abordar estas temáticas. O xerente deste organismo comprometeuse a reforzar as limpezas a través do deseño dun plan especial para duplicar a inversión de cauces na Limia.
Quiroga explicou que un tema crucial "é a problemática da calidade que presentan as augas da comarca e a necesidade do uso de boas prácticas agropecuarias nunha zona onde a economía está moi arraigada a agricultura e a gandería". Ademais, o titular da CHMS matizou que dende o organismo están traballando para mellorar os sistemas de saneamento da calidade da auga nos concellos de Vilar de Barrio, Sandiás, Calvos de Radín e Porqueira; coa intención de ampliar esas actuacións a outros municipios da comarca.
Con isto, o presidente concluíu a xuntaza expresando a súa disposición de colaborar coa comarca e o compromiso de realizar as "xestións necesarias cos distintos departamentos ministeriais para mellorar a calidade da auga da comarca, dos regadíos e a calidade de vida dos veciños".