AVANCE | Alimagro chega cun PEL debaixo do brazo
O concelleiro de Medio Rural, José González, anunciou este mediodía en Xinzo de Limia, durante o acto de inauguración de Alimagro, a Feira da Pataca, que o goberno galego presentará o PEL, o Plan Estratéxico da Limia, un programa de actuacións que deberían corrixir o camiño andado desde hai unhas décadas e que levou á comarca a entrar no catálogo de zonas afectadas por contaminación por nitratos a causa da actividade agrogandeira.
A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama (PSOE), respondeu de inmediato con outra proposta: que haxa axudas para a plantación de cereal en áreas como A Limia cunha protección especial para as aves (ZEPA), “como xa hai en outras comunidades”. Desde ADEGAL, Maite Joga, a súa presidenta, dixo que o sector agrogandeiro está “preocupado" a respecto do que pode supoñer o PEL, pero que non ten máis información sobre medidas concretas e valorarán o plan "en canto o coñezamos”.
Do PEL, redactado tras os debates na Mesa da Limia por técnicos do GDR Limia-Arnoia e a Fundación Juana de Vega, apenas se sabe que contén “30 medidas en 6 eixos”, segundo informou no Parlamento galego, o deputado popular, José Antonio Armada, o pasado mes de abril durante un debate en comisión da proposición non de lei, a iniciativa do PP, para reclamar do Goberno da Xunta un impulso ao Plan Estratéxico para o sector agrario da comarca da Limia (PEL).
“É un plan fantasma. Non se sabe nada del. E vostede hoxe tampouco aclarou nada. Foi presentado? Saben na Limia algo do que contén?”, dixo o deputado do BNG Xosé Luis Rivas, quen criticou ao PP por botar “balóns fóra” e dedicarse á propaganda “porque non teñen políticas e de agricultura non entenden”. Nos meses seguintes, persoal da Consellería de Medio Rural mantivo encontros con agricultores e gandeiros nos que ía avanzando detalles do PEL. Agora, case un ano despois de que os redactores entregasen o documento, o conselleiro promete que sairá á luz este mes.