NOTICIAS A LIMIA | O comercio limiao recibirá axudas estatais para dixitalizarse e ser sostible
O delegado do Goberno de Galicia, José Miñones, valorou positivamente o "estímulo" que supón o Plan de Recuperación estatal para a competitividade do sector comercial en Galicia. Oito proxectos serán subvencionados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo con 7,67 millóns de euros, segundo a resolución provisional da segunda convocatoria das liñas de axudas ao sector.
A resolución provisional das axudas financiará tres mercados urbanos sostibles (2.192.652 euros), outros tantos rurais (1.211.600,80 euros) e dúas zonas de afluencia turística (2.603.818,40 euros). "El Gobierno apoya a las pymes y a los autónomos que conforman el sector comercial en Galicia y potencia su transformación digital y sostenible", destacou Miñones.
O comercio da Limia, xunto ao das comarcas de Allariz-Maceda, Baixa Limia e O Carballiño, é un dos beneficiados a través do proxecto CROu Next Generation UE: Dixital, Verde e Social da Deputación de Ourense, que recibirá 474.077,60 euros. A iniciativa ten por obxectivo involucrar nun proceso de dixitalización e sostibilidade local ao comercio destas comarcas, que engloban a 31 concellos. Pretende que os entornos comerciais sexan máis amables e solidarios para as persoas maiores ou con algunha discapacidade.
O proxecto contempla 14 actuacións que terán efectos positivos de forma "individual e colectiva", para que estes sexan multinivel. Amosarán a potencialidade de dimensión do comercio local, mellorarán o coñecemento do cliente e, con iso, o acceso ao mesmo, con adaptabilidade da oferta á súa demanda; e daráselle o valor do carácter socio-ambiental do comercio local e a asunción de corresponsabilidade que o consumidor ten no proceso de compra que realiza.
En CROu incorpóranse canais de compra dixital local, que involucran ao consumidor na sostibilidade e corresponsabilidade do comercio sostible; facilita o acceso tecnolóxico á información do comercio local, mellora a sostibilidade das zonas e, en definitiva, pon en valor o efecto do comercio local sobre a calidade de vida do seu entorno social, económico e medioambiental.
Estas subvenciones se englóbanse dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, con diñeiro procedente dos fondos Next Generation da Unión Europea, que contemplan unha dotación global de 415 millóns de euros entre 2021 a 2023 para favorecer e impulsar a competitividade do pequeno comercio español.