As catro comunidades asinarán un convenio estatal

NOTICIAS A LIMIA | Forza común dos regantes para obter 16 millóns de euros e mellorar os regadíos

Gabriel Alén, no encontro con representantes das comunidades de regantes da Limia.

Representantes das comunidades de regantes de San Salvador de Sabucedo, en Porqueira; de Lamas Ganade e Alta Limia, en Xinzo; e de Corno do Monte, entre Xinzo e Trasmiras;  mantiveron este luns un encontro co delegado da Xunta, Gabriel Alén, no que valoraron a constitución dunha única comunidade para asinar un convenio co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a SEIASA e así mellorar e modernizar o regadío da Limia.

A sinatura do convenio permitirá a construción e explotación das obras do “Proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío das 40 captacións de augas subterráneas - A Limia 2022", que conta cun orzamento de 16 millóns de euros. O 80% será financiado polo Ministerio e o 20% restante pola comunidade de regantes. Ademais, Alén destacou que a Consellería de Medio Rural destinou preto de seis millóns de euros para completar a actual rede de pozos da Limia, coa construción dos 40 que inclúe o convenio co Ministerio, a súa electrificación e bombeo.

Por outra banda, o Ministerio dispón doutros 16 millóns de euros para a limpeza das canles da Limia, co obxectivo de mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das aguas e adecuar as prácticas agrogandeiras na bisbarra. A isto súmaselle outro millón de euros para a reparación de camiños.

Alén puxo en valor os 39 millóns de euros que se investirán entre o Goberno central e a Xunta na potenciación do sector agrario da comarca da Limia, ao que lle agradeceu a súa decidida vontade de avanzar na sustentabilidade das súas explotacións.