NOTICIAS A LIMIA | Medio Rural recoñece que o Plan Estratéxico da Limia aínda continúa en elaboración
Finalmente, a Consellería do Medio Rural recoñeceu, na voz do director Xeral de Agricultura e Industrias Alimentarias José Balseiros Guinarte, a demora no Plan Estratéxico da Limia. E o facía tras a intervención de Xosé Luís Rivas, voceiro de agricultura do BNG, pedindo explicacións sobre o plan, o actual estado de contaminación da comarca, as medidas adoptadas e as previsións da Xunta.
O que ía ser o Plan Estratéxico da Limia 2022 segue sen existir porque "continúa en elaboración para incorporar novas modificacións", argumentaba o popular José Balseiros mentres o nacionalista Xosé Luís Rivas criticaba os anuncios da consellería de medidas “das que nada se sabe” e sobre as que o PP continúa dando “ a calada por resposta” para resolver a contaminación da comarca.
A preocupación do BNG é que os afectados e afectadas continúan á espera e sen saber “o que lles vén enriba” ante a grave ameza de declaración de zonas vulnerables por saturación de nitratos e fosfatos, xa que será “outra estocada” para os sectores agrario e gandeiro da Limia.
O nacionalista insistiu en que o Goberno do PP é coñecedor da ameaza de vulnerabilidade e, mentres, os pataqueiros usan abonos químicos de síntese porque “a ninguén da Consellería se lle ocorreu habilitar fórmulas de compostaxe que evitasen a lixiviación nas zonas inundables e poder así utilizar a galiñaza”.
Así, un plan que foi anunciado en setembro do 2019 pola goberno do Partido Popular como unha das medidas estrela para solventar o problema medioambiental da Limia inda non ten unha redacción definitiva. Segundo indica Xosé Luís Rivas, transcorreu tempo suficiente para que a consellería iniciara “medidas correctoras e mesmo pedir a Bruxelas o adiantamento da declaración de vulnerabilidade que ameaza este territorio”.
A historia do Plan Estratéxico da Limia
A aparición de cianobacterias no encoro das Conchas, as denuncias ecoloxistas, ambientalistas e de cidadáns chegaron ao Parlamento Galego xa no ano 2017 da man do BNG. O malestar social e a presión política fixo que o goberno do Partido Popular convocara a primeira Mesa da Limia en abril de 2019.
En setembro do 2019, Medio Rural anunciaba algunhas medidas: Plan Estratéxico Agrario para a Limia, Plan de formación, limpeza das canles, Plan de regadío, Anteproxecto de Lei de Xestión de xurros e estercos e a declaración de zona vulnerable por saturación de nitratos e fosfatos.
No ano 2020, co estudo e a análise xa rematada por parte das máis de 140 persoas que participaban na Mesa da Limia en representación de entidades públicas, privadas e profesionais, encargábase a redacción dun plan. Foi entregado a finais de 2021, en previsión de ter en marcha o Plan Estratéxico da Limia no 2022.