NOTICIAS A LIMIA | AEMET activa o aviso amarelo para este martes por acumulación de neve
A Axencia Española de Meteoroloxía (AEMET) activou o aviso amarelo para este martes por acumulación de neve en todo o sur da provincia de Ourense, incluída toda a comarca da Limia. Este nivel de alerta comezará ás 6:00 horas e manterase ao longo de todo o día para rematar ás 23:59 horas.
A previsión é dunha acumulación de ata 4 centímetros de neve que caerá en zonas que se atopen entre os 300 e os 500 metros de altitude. Ademais, o aviso laranxa tamén se activa na montaña de Ourense polo maior risco de nevadas. As acumulacións, neste último caso, poden chegar a ser 20 centímetros en altitudes superiores aos 800 metros e de ata 5 entre os 300 e 500 metros.
Nas zonas de montaña tamén se manterá ao longo da xornada de mañá alerta amarela polo vento, que xa está activada dende hoxe. Os refachos poden superar os 80 quilómetros por hora nas zonas da montaña ourensá. O aviso rematará ás 12:00 horas deste martes.
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, xa informou da situación aos concellos das provincias afectadas, ás deputacións, ós servizos provinciais e ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros.
Transporte escolar suspendido
A Comisión Escolar de Alertas de Galicia acordou a suspensión do transporte durante toda a xornada deste martes nas zonas de montaña de Ourense, nas que se inclúen Verín, Viana do Bolo, A Gudiña e A Mezquita, entre outros. No conxunto do sur da provincia, o transporte escolar quedará suspendido en horario de tarde.