A CHMS recomenda aos concellos manter as medidas de aforro de auga

NOTICIAS A LIMIA | O ano hidrolóxico máis seco na demarcación Miño-Sil desde o 2017

Os caudais da demarcación rematan o ano un 28% por baixo da media histórica. | FOTO: CHMS.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) considera “fundamental” que os concellos “manteñan as medidas de aforro e continúen cos labores de concienciación da poboación” sobre o uso responsábel da auga. Nun comunicado emitido onte, a CHMS informa que o ano hidrolóxico 2021-22 remata como o segundo máis seco da serie histórica por detrás do ano 2016-17.


“Estamos ante unha situación de seca prolongada xeneralizada na demarcación debido á falta de precipitacións; mensualmente poderiamos  destacar o mes de xuño como húmido; outubro e agosto como secos; e novembro, xaneiro, febreiro, abril, maio e xullo como moi secos”, sinala José Antonio Quiroga, presidente do organismo que depende do Ministerio para la Transición Ecológica, no balance do ano hidrolóxico que comezou o 1 de outubro de 2021 e rematou o pasado 30 de setembro.


A precipitación acumulada media foi de 694,6 l/m2, un 39 % por baixo da media histórica. No ano hidrolóxico anterior, 2020-21, rexistrárase unha precipitación de 1.159,4 l/m2, un 2 % por riba da media e un 67 % por riba da do ano 2021-22.


A CHMS cualifica o 2021-22 como “extremadamente seco” nas unidades Miño Baixo e Limia; e “moi seco” no resto de unidades: Miño Alto, Sil Superior, Sil Inferior e Cabe.


En canto aos encoros da demarcación, pechan o ano hidrolóxico ao 43,7 % da súa capacidade máxima. Este volume é un 0,8 % maior que a cantidade de agua embalsada hai un ano, mais un 10,8 % menor que a media histórica nestas datas (54,5 %). No que se refire aos caudais circulantes, están ao peche nun 28,4% por baixo da media histórica. As predicións a medio prazo fan prever que a situación de seca persista, di a CHMS.


Iniciativa do PsdeG-PSOE na Deputación 
Por outra banda, o PSdeG-PSOE vén sacou adiante unha moción no pleno do pasado venres na Deputación Provincial na que se reclama que “a Xunta de Galicia, a Deputación e as entidades locais emprendesen medidas de carácter urxente e excepcional contra a alarmante e inédita situación de seca que padece Ourense”, segundo informan os socialistas nunha nota de prensa.


“A través desta moción, que foi aprobada coa incorporación dunha emenda do BNG, as e os socialistas instan á Xunta de Galicia a crear un fondo destinado a axudar aos pequenos concellos para facer fronte a situacións de emerxencia pola seca e outras adversidades climáticas, ao tempo que esixen que se poñan en marcha liñas de axudas dende o organismo provincial para desenvolver proxectos de obras de abastecemento de auga que os pequenos concellos non poden afrontar por falta de recursos”, explican os socialistas.