A organización pon en marcha o Programa de Educación Infantil Familiar da Limia

NOTICIAS A LIMIA | O CDR O Viso ofrece sesións didácticas e lúdicas para as familias da comarca

Cartel do Programa de Educación Infantil Familiar na Limia.

O CDR -Centro de Desenvolvemento Rural- O Viso acaba de informar do comezo da nova tempada do Programa de Educación Infantil Familiar da Limia, iniciativa que leva realizándose dende 2015 en beneficio das familias con fillos.

O programa está destinado a tódalas unidades familiares con fillos da comarca, principalmente aos cativos entre 0 e 6 anos, pero con opción de acollida aos de maior idade en caso de ser necesario. O obxectivo é aconsellar aos pais, nais, avós, titores... -acompañados dun orientador- sobre determinadas cuestións relacionadas cos rapaces. Intentaranse crear sesións donde todo o mundo se sinta libre e acollido para falar das súas principais preocupacións, dúbidas e intercambiar opinóns.

Ao mesmo tempo, tamén se ofrecerá un espazo didáctico e lúdico para os nenos e nenas, os cales poderán xogar, aprender e relacionarse entre eles e co resto de familias, por exemplo contando contos, interpretando cancións, realizando manualidades con material reciclado -coma follas- ... A finalidade é poder realizar unha serie de actividades adaptadas ás necesidades dos cativos.

A organización do programa levará a cabo unha serie de visitas polos concellos da comarca para dar a coñecer a iniciativa. Calquera persoa ou familia interesada poderá contactar por teléfono co CDR O VIso -988 46 15 71-, por correo no eifoviso@gmail.com ou en persoa na oficina da Rúa Ladeira Nº 21 en Xinzo de Limia. O programa é gratuito e estará aberto todo o ano.

Noutras edicións pasadas creáranse grupos de apoio en Sandiás, Xinzo de Limia, Baltar, Cualedro... seguindo sempre os requerimentos e as demandas das familias. Este ano, os grupos poderán verse reducidos ou limitados por mor da pandemia.