As chuvias volverán de cara á fin de semana

Calvos, Laza e Xinzo rexistran as temperaturas máis baixas deste mércores en Galicia

A xeada é visible nos vehículos esta mañá. | FOTO: Noelia Caseiro.

O 2023 comezou con intensas chuvias o domingo que provocaron numerosas incidencias polo desbordamento dos ríos e por inundacións. Agora, nesta primeira semana do ano, o frío gañou terreo e na comarca da Limia e na de Verín marcan as temperaturas máis baixas de Galicia.

 

Esta mesma mañá, ás 8:40 horas, en Calvos de Randín rexistráronse -2,5ºC e converteuse no valor máis frío de toda a comunidade, segundo MeteoGalicia. Non moi lonxe, en Xinzo os mercurios marcaron -1,6ºC tamén nesta mañá, concretamente ás 8:10 horas. Polo medio, Laza rexistrou unha temperatura de -1,8 ás 8:20 horas, sendo a segunda máis baixa.

Viana do Bolo e Verín tamén rexistraron temperaturas extremas ao longo desta mañá. No primeiro caso, a mínima rexistrouse cedo, ás 6:20 horas con -1,5ºC, mentres que no segundo foi ás 9:30 horas con -0,9 na estación de Vilamaior, segundo recolle Meteogalicia. Tamén na Limia, Baltar chegou ata os -0,7ºC.

Estas temperaturas, aínda que frías, son algo máis suaves con respecto ás da mañá deste martes. En Calvos de Randín chegouse ata -4,6ºC, que non chegou a ser a máis baixa de Galicia, que foi marcada por Manzaneda con -4,7. Xinzo chegou a rexistrar -2,9 e Baltar, -2,6.

A previsión para os vindeiros días, segundo recolle MeteoGalicia, será de ceos con nubes a claros. En canto ás temperaturas, as mínimas manteranse estables e as máximas irán subindo lixeiramente cada xornada. Para a fin de semana agárdase que as chuvias volvan coa chegada dunha nova borrasca a Galicia, que manterá as precipitacións ao longo da vindeira semana.