NOTICIAS A LIMIA | Concienciación contra incendios en Guillamil (Rairiz) e dúas parroquias de Calvos de Randín
Hai unhas semanas, o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2022) sinalou as parroquias limiás de Guillamil (Rairiz de Veiga), onde o verán pasado se rexistrou un lume que puxo en risco á poboación, Santiago de Calvos e San Xoán de Randín (ambas no concello de Calvos de Randín) como zonas de alta actividade incendiaria. Agora, a Consellería de Medio Rural anuncia “unha actividade informativa no núcleo principal de cada unha das 35 parroquias de alta actividade incendiaria” do país.
A actividade consistirá en xornadas divulgativas en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais e de autoprotección para a poboación rural. No Distrito XV, ademais das parroquias da comarca limiá, están sinaladas as da Fraga (Lobeira), Requiás (Muíños) e San Paio e Río Caldo (Lobios) na Baixa Limia. No Distrito XIV, ás máis próximas á Limia son as de Montes e San Millao (Cualedro) e Bousés (Oímbra). No norte, a de Requeixo, en Chandrexa.
“Estas charlas teñen como obxectivo principal o de concienciar e sensibilizar á poboación sobre os danos que ocasionan os incendios e os riscos que representan, tanto para as persoas como para os bens, tanto forestais como non forestais”, informa Medio Rural nun comunicado emitido este mércores. As sesión comezarán a impartirse desde o próximo luns, día 20, e terán unha duración aproximada de entre unha e dúas horas.
A consellería porá a disposición da cidadanía o teléfono 085 (de balde) para que se poida alertar de calquera lume do que se teña constancia “para que os efectivos do Servizo de prevención e extinción de incendios poidan chegar o antes posible e minimizar as consecuencias do lume”.
O pasado luns, o conselleiro do Medio Rural, José González, xunto ao director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, visitaron o novo centro de coordinación provincial (CCP) e de distrito (CCD) no Servizo de Prevención de Incendios Forestais de Ourense. Medio Rural deu conta de que o acondicionamento destas instalacións supuxo un investimento superior aos 100.000 euros.
O Pladiga 2022 prevé que as torretas de vixilancia do Distrito XIV se manteñan no Penedo da Lebre (en Vilar de Barrio), no San Cibrao entre Rairiz e A Bola, en Pena Loba e no Viso (Lobeira). Pena Loba, na serra entre Calvos de Randín e Os Blancos, é unha das localizacións sinaladas por Greenalia para instalar un polígono eólico.