O número de matrículas baixa un 9% no Bacharelato e aumenta un 1,6% na ESO

NOTICIAS A LIMIA | O curso escolar arranca mañá na comarca con 1.504 alumnas e alumnos

Alumnado do CEIP Rosalía de Castro, no patio, durante a celebración do Día de Rosalía, en frebreiro pasado. | FOTO: Noelia Caseiro.

Apenas haberá un alumno menos en toda a comarca no arranque do curso escolar mañá en todos os colexios e nos dous institutos. A Consellería de Educación ofrece desagregadas as cifras por concellos. Este ano serán 1.504 alumnas e alumnos na Limia, nos centros de Baltar, Os Blancos, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Vilar de Barrio e Xinzo de Limia. 


“O curso 2022/23 comeza o día 8 para un total de 311.179 alumnos de Infantil, Primaria, Educación Especial, ESO e Bacharelato con un descenso xeneralizado da matrícula en todas las ensinanzas, excepto na ESO e no Bacharelato, cun lixeiro incremento próximo ao 1%”, informou a Consellería de Educación nun comunicado esta semana.


“O curso comeza cunha nova tesoirada no emprego. Comeza con 717 docentes menos con destino provisional. O recorte do curso pasado, que segundo datos oficiais da Consellaría, supuxo 869 docentes menos”, respondeu o sindicato CIG o mesmo luns. 


En Xinzo de Limia, onde están enclavados os dous centros de Secundaria, o alumnado baixa un 9% no Bacharelato mentres aumenta un 1,6% na ESO. Haberá un total de 559 alumnas e alumnos. “Si, temos menos en Bacharelato, mais afortunadamente na ESO vaise freando a tendencia que arrastrabamos e este curso haberá máis”, explica Manuel Grande, director do IES Lagoa de Antela. “En canto ao cadro de profesores, temos tres menos este curso e iso dificultará a implantación da LOMLOE [a nova lei estatal de Educación] que este ano obriga a modificar o currículo nos niveis impares”.

Manuel Grande, director do IES Lagoa de Antela en Xinzo. | FOTO: Noelia Caseiro.

Na Limia, nas ensinanzas especiais o número de alumnos segue sendo o mesmo que o curso pasado: tres. Nos niveis de Infantil e Primaria rexístrase un lixeiro aumento. Pasan de 937 a 942. En Xinzo a matrícula cae en Infantil (até os 192 nenas e nenos, un 7% menos), e sobe en Primaria (561 matriculados, un 5% máis que o curso anterior).

Na comarca, o número de matrículas en Infantil e Primaria sobe de 937 a 942. 

No resto de concellos, en Baltar haberá 28 alumnas e alumnos; nos Blancos, 26; en Rairiz de Veiga, 60; en Sandiás, 31; e 18 en Sarreaus; e 26 en Vilar de Barrio. Este curso comezará sen máis medidas contra a covid que a máscara obrigatoria no transporte escolar.