Orzamenta en 400.000 euros o primeiro ano de implantación dunha Axenda 2030 provincial

NOTICIAS A LIMIA | A Deputación pide diñeiro ao Estado para asesorar en desenvolvemento sostíbel aos concellos

Xosé Manuel Baltar e Jorge Pumar durante unha reunión da Deputación Provincial. | FOTO: Deputación Provincial.

“Será unha ferramenta clave para o impulso de plans municipais de sostibilidade”, di Xosé Manuel Baltar nun comunicado de prensa emitido pola Deputación Provincial que preside, após dunha reunión con Jorge Pumar, “que asume as competencias delegadas do cumprimento e seguimento da Axenda 2030 e os ODS [Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel] segundo o compromiso exposto polo presidente da Deputación no Debate de estado da provincia de 2020 e o plan de mandato 2019-2023”.


Xosé Manuel Baltar, di a nota de prensa, “aposta agora pola creación do proxecto OU-DS 2030, Axenda 2030 para Ourense (...) de apoio ao desenvolvemento de iniciativas municipais e provinciais que proporcionen respostas innovadoras aos principais retos do territorio”. A iniciativa aspira ao financiamento da Secretaría de Estado da Axenda 2030, co fin de mobilizar 400.000 euros no primeiro ano de execución.


O proxecto do goberno provincial buscará nos próximos 12 meses asesorar a un mínimo de 20 concellos ourensáns, “situando o foco nesta primeira fase na promoción de proxectos vinculados ao fomento da enerxía limpa e accesible para os veciños e entidades públicas”.


“Ourense é un referente de sustentabilidade, e con esta nova ferramenta buscamos ser tamén un referente na identificación de iniciativas que faciliten a implantación dos ODS e a Axenda 2030 no rural”, valorou Manuel Baltar, situando o rol da Deputación como “concello dos concellos”.

“Buscamos ser tamén un referente na identificación de iniciativas que faciliten a implantación dos ODS e a Axenda 2030 no rural”, di Baltar. 


Ademais do traballo cos técnicos e políticos, “executaranse iniciativas con colexios e axentes educativos, deseñando un obradoiro para rapaces cun alcance obxectivo de 2.000 nenos no primeiro ano”, asegura o comunicado da Deputación.