NOTICIAS A LIMIA | As executivas interésanse pola declaración de zona vulnerábel
Unha representación da asociación Executivas de Galicia visitou este venres o Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde en Xinzo de Limia. A asociación ten entre os seus fins a defensa de “los derechos e intereses de la mujer profesional gallega”, “hacer ver el valor añadido del liderazgo femenino” e “hacer patente la presencia como grupo de opinión de mujeres gallegas cualificadas y preparadas, dándoles más visibilidad como ejecutivas”, segundo informan na súa web.
A xerente do Inorde, Emma González, e o director técnico do centro, Servando Álvarez, foron as guías da visita. Álvarez empezou explicando as funcións do centro, como ferramenta de asesoramento aos agricultores e espazo de investigación de novas técnicas e cultivos. Emma González insistiu en que os servizos teñen carácter provincial, malia que o centro está situado na Limia, a gran comarca agrogandeira de Ourense.
Nos prolegómenos, Servando Álvarez informou da recente inclusión da Limia no mapa ministerial de augas afectadas por contaminación, e indicou que esa inclusión debuxa unha nova realidade no sector primario da comarca que obrigará a novas prácticas. Neste punto, entre as executivas houbo interese en coñecer cales serán as consecuencias inmediatas. E o director do Centro de Desenvolvemento lembrou que a Xunta dispón dun prazo de 3 anos para declarar a comarca como zona vulnerábel á contaminación por nitratos.
A visita comezou polo salón principal do complexo. Álvarez lembrou que o centro ocúpase da formación dos produtores, pero que despois da pandemia aínda non conseguiron recuperar o ritmo de actividade anterior, que estimou en 300 alumnos e alumnas por ano. Despois, as visitantes pasaron ao laboratorio. A xerente do Inorde destacou que a maioría do persoal do centro está formado por mulleres.
“Aquí sufrimos a seca, cada ano. A auga é un ben escaso e págase”, dixo Álvarez, e unha das asistentes recordou que Xinzo acolleu a finais dos anos noventa un congreso estatal sobre a desertización.
As executivas preguntaron tamén polas posibilidades de rotación de cultivos, introdución de novas variedades e ampliación da zona de colleita a outras comarcas. Álvarez lembrou que o plan do regadío, que porá 4.000 hectáreas máis neste réxime na comarca é unha oportunidade para a rotación e a variedade de cultivos. Mais insistiu en que o produto con máis rendibilidade segue a ser a pataca.
Tamén informou ás executivas das dificultades da Limia para soster unha produción masiva. “Aquí sufrimos a seca, cada ano. A auga é un ben escaso e págase”, dixo Álvarez, e unha das asistentes recordou que Xinzo acolleu a finais dos anos noventa un congreso estatal sobre a desertización. Algunha das visitantes asombrouse. O problema é tan serio, concluíu o director técnico, que haberá que valorar métodos diferentes para regar.