Concentración este martes das organizacións agrarias e gandeiras con demandas a Europa, España e á Xunta

NOTICIAS A LIMIA | A Limia lanza un S.O.S. polo sector primario

Cartel da convocatoria de mañá martes.

“Non podemos esperar ao 29 [data das medidas de Pedro Sánchez] nin moito menos ás reunións dos gobernos europeos. Necesitamos solucións inmediatas, porque o que está a pasar é que hai agricultores e gandeiros que non chegan a fin de mes”, denuncia Sonia Vidal, membro da Executiva do Sindicato Labrego Galego (SLG) que se sentou esta mañá con representantes de Adegal, da asociación de pataqueiros da Limia e dos sindicatos Fruga e Unións Agrarias. 


As organizacións agrarias e gandeiras da comarca acordaron o texto do manifesto que se lerá mañá (12:00 horas) na praza Carlos Casares de Xinzo de Limia, durante unha concentración convocada baixo o lema Pola rendibilidade dos produtores da comarca da Limia, e tamén decidiron chamar ao sector a unha tractorada o próximo venres, día 25, que terá como inicio e final a propia vila de Xinzo. 


“Emprazamos a todos os sectores: hostalaría, comercio e demais, da vila e da comarca, para que se sumen a estas reclamacións, porque o que está a pasar, nunha ou noutra medida, aféctanos a todas”, di María Teresa Joga, presidenta de Adegal. As reivindicacións son “moi amplas”, apunta, “pero non houbo discrepancias e o acordo foi unánime”


As demandas dos agricultores e dos gandeiros teñen a ver con medidas fiscais dirixidas a reducir os custes de produción, tanto polo lado dos insumos como polo dos impostos á actividade. “Non temos esixencias moi distintas ás dos transportistas, a quen por certo apoiamos porque sufrimos problemas comúns; pero o que si queremos propoñer son solucións concretas. Por iso, porque non temos xa máis tempo”, insiste Sonia Vidal.


Os produtores agrícolas da comarca avisan que chegou a época da sementeira, e non só as sementes están caras, o prezo do gasóleo tamén se disparou. Os produtores de leite seguen sen ter garantida a recollida. Esta fin de semana houbo recollida, mais Sonia Vidal coñece algún caso de quen vai que ter que tirar con 3.500 litros de leite. No sector da carne, hai becerros que xa pasaron a data de sacrificio, e sen certificación, o prezo baixará. Tamén na produción intensiva hai problemas. Con matadoiros parados, que estaban sacrificando 25.000 aves por día, e materia prima para a fabricación do penso bloqueada no porto da Coruña. Falta alimento nas granxas, e non lle dan saída aos animais.


“Sufrimos todas. Os gandeiros temos que sementar para autoconsumo das nosas explotacións, facer o silo, mercar os plásticos que están pola nubes, como o gasóleo... Só acordo un segmento que pode que estea a sufrir menos: o da produción agro-ecolóxica”, precisa a representante do SLG.


“Estamos a notar o incremento dos custes de produción desde hai meses, pero sabemos que durante o que queda de ano e o próximo notarémolo con maior intensidade, así que queremos medidas que non sexan só puntuais”, di María Teresa Joga, e alude á supresión de impostos en carburantes e á moratoria de pagamentos á Seguridade Social, entre outras.


As promotoras do manifesto interpelan á Europa, ao Estado e á Xunta para que implementen solucións inmediatas. E advirten que non se contentarán con escusas. “A guerra en Ucraína actuou como detonante, pero hai tempo, de un ano para aquí, que os custes do penso, das sementes, de todo... víñanse incrementando”, reflexiona Vidal. 


Non houbo representación institucional do Concello de Xinzo nin de ningún outro na reunión desta mañá. Os convocantes queren que a protesta de mañá e a mobilización do venres visibilicen ás produtores e aos produtores. Comeza outra semana de loita na Limia. 


Pouco antes das 17:00 horas deste luns, o Concello de Xinzo emitiu un comunicado de apoio á protesta de mañá. “A alcaldesa, Elvira Lama, cree que é o momento de amosar a importancia do sector para a economía local de Xinzo acompañando a agricultores e gandeiros nunha reivindicación absolutamente xusta e xustificada”, di o comunicado municipal.