A programación no Polígono (Xinzo), Trasmiras e Laioso (Vilar de Santos), pendente do tempo

NOTICIAS A LIMIA | Máis auga que lume nas previsións para o San Xoán

Cartel do San Xoán 2022 en Trasmiras.

Mañá e San Xoán e as sardiñas e as cacharelas están preparadas desde hai días. A festa que dá a benvida ao verán estará este ano marcada polas chuvias na Limia. As previsións foron empeorando nos últimos días. Así, este mércores, MeteoGalicia advirte sobre precipitacións en Xinzo entre as tres da tarde e as dez da noite. Pola súa banda, a Agencia Estatal de Meteorología avanza chuvias até media tarde, aínda que reduce a probabilidade a partir desa hora. A programación dos festexos no barrio do Polígono, en Xinzo, e en Trasmiras e Laioso, en Vilar de Santos, estará pendente de axustes até o último minuto.


No Polígono, organizado pola Asociación de veciños San Xoán, está prevista para mañá unha cea popular a partir das 20:30 horas. A cea custa 12 euros. O aforo estará limitado a 300 persoas. A continuación, o programa inclúe foliada coas Xeitosiñas de Baltar e os gaiteiros do grupo Cidade de Antioquía. Despois prenderase a fogueira e elaborarase unha queimada. E rematará a noite con actuacións de rapeiros locais e da Disco Móbil Ricky. A organización anunciou este mércores que se colocará unha carpa para a cea.


En Trasmiras, organizada polo Concello de Trasmiras, a sardiñada está prevista para as 21:00 horas da tarde no Campo do Fornelo. Antes, desde as 20:00 horas, haberá animación musical a cargo do grupo de gaiteiros da Escola de Música de Trasmiras. A cacharela prenderase ao redor das doce da noite. Toda a festa na explanada do pavillón. “Se chove, trasladaremos os actos ao interior”, informan desde o goberno de Trasmiras.


En Laioso, a celebración será o venres e o sábado, xornadas con menos risco de verse alteradas pola chuvia. O día de San Xoán a misa será ás 11:45 horas, e despois haberá procesión e sesión vermú. A animación estará a cargo do trío musical Vaivén. A verbena, co dúo Paradaisse, queda para o sábado. O venres noite aínda ameaza chuvia, segundo MeteoGalicia. O sábado xa non... polo momento.


VENRES DE RAP EN XINZO
No San Xoán de Xinzo, no Polígono, o venres será o día da Batalla de Gallos (rap). Hai inscritos 14 participantes. O xurado estará composto por Tío Abuelo Ruli, Adira e King Zoray. Será a partir das 17 horas. Ademais, haberá concertos de rap e exhibición de danzas urbanas.

Cartel da Batalla de rap do venres en Xinzo.