O mozo bailarín de 12 anos ten raíces limiás

NOTICIAS A LIMIA | Nico Gómez, segundo gañador do VII Trofeo Eurocidade Tui - Valença de baile

Nico Gómez Rivero e a súa compañeira de baile, Sheila Videira, no VII Trofeo Eurocidade Tui - Valença. | FOTO: Cedida.

Nico Gómez Rivero e a súa compañeira de baile, Sheila Videira, son dous mozos galegos de 13 e 12 anos que acaban de quedar segundos na VII edición do Trofeo Eurocidade Tui - Valença de baile deportivo. Unha competición celebrada en Tui a principios deste mes de outubro na que ambos lograron por primeira vez o seu ascenso á categoría C nacional dentro da modalidade Junior de Estándar e Latinos.

Os avós e pais do mozo bailarín son naturais de Sabucedo -Concello de Baltar- e Os Blancos, respectivamente. Lugares aos que o raparigo acode con frecuencia para desfrutar das vacacións do verán e para visitar aos seus familiares e amigos, a pesares de estar a residir na cidade de Vigo. "Nos Blancos gústame ir a visitar aos meus avós (...) e tamén visitar os penedos da vila" .

Nico lembra amosar xa certa paixón polo mundo do baile dende que era un cativo "gustábame bailar nas festas do pobo, nas orquestras". É por iso que aos sete anos se inscribe na Escola de Baile Deportivo al Compás de Vigo, centro no que continúa actualmente. Decide inmiscuírse en diferentes tipos de baile, coma os estándar, os latinos, e os caribeños, pero remata decantándose por especializarse nas dúas primeiras categorías -as cales se inclúen dentro das modalidades de baile deportivo en competicións- .

Durante a súa traxectoria coma bailarín participou en diversos campionatos de España e Galicia, quedando terceiro en dúas das competicións nacionais na modalidade de bailes caribeños. O suceso que recorda con máis agarimo é ter concursado no programa "Quen anda aí?" da CRTVG. "Lembro que estaba nos Blancos cando me chamaron, fixérame moita ilusión (...) ese mesmo día tiven que saír ir correndo cara a Santiago para poder chegar a tempo".

Nico Gómez Rivero e a súa compañeira de baile, Sheila Videira, na Competición de Baile de Guadalajara. | FOTO: Cedida.

O rapaz compaxina os seus estudos de secundaria cos entrenamentos de baile e tamén cunha segunda actividade de interés, o fútbol. Non sabe se no futuro lle gustaría adicarse profesionalmente á danza, pero sí admite que quere permanecer no mundo do deporte. "No futuro véxome máis coma entrenador de fútbol, aínda que de momento non sabería decir moi ben onde quero acabar".

O mozo entrena tres horas todos os venres, e unhas catro durante as fins de semana  -aproximadamente dúas horas os sábados e, ás veces, outras dúas os domingos- . O seu segredo semella ser a boa organización, a constancia, e a paixón, pois nun día rutinario calquera consegue facer os deberes, descansar, acudir ás clases de baile e de fútbol, e pasar tempo cos seus familiares e amigos.