NOTICIAS A LIMIA | Piden a declaración do paspallás como especie en perigo de extinción
Tres semanas despois de que colectivos ecoloxistas solicitasen da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, dependente da Consellería de Medio Ambiente, a prohibición da caza na lagoa de Antela, o movemento ecoloxista interpela agora á Dirección General de Biodiversidad, Bosques y Desertificación, do Ministerio para la Transición Ecológica, e reclama a declaración do paspallás “como especie en perigo de extinción e a súa inclusión no Catálogo Español de Especies Amenazadas”.
Na Limia, a tempada de caza nos tecores da antiga Lagoa de Antela empeza a finais de agosto e prolóngase até mediados de setembro. As batidas deben efectuarse previa autorización da Consellería de Medio Ambiente, e afectan, ademais do paspallás, ao pombo torcaz.
As zonas de caza limiás están situadas en territorio dos concellos de Rairiz de Veiga, Vilar de Santos, Sandiás, Vilar de Barrio, Sarreaus, Xinzo de Limia, Trasmiras e Porqueira, ademais de Xunqueira de Ambía.
A declaración do paspallás como especie en perigo de extinción e a conseguinte inclusión no Catálogo Español de Especies Amenazadas suporía a prohibición da caza desta especie en todo o territorio do Estado.
No escrito dirixido ao órgano ministerial, as ecoloxistas advirten: “Actualmente en España contabilízanse apenas 225.000 exemplares de paspallás, habendo sufrido un declive poboacional nos últimos 20 anos do 74%, segundo os últimos datos de seguimento de SEO/BirdLife (2019)”. E conclúen que a situación da especie é “alarmante”.
As zonas de caza limiás están en Rairiz de Veiga, Vilar de Santos, Sandiás, Vilar de Barrio, Sarreaus, Xinzo de Limia, Trasmiras e Porqueira, ademais de Xunqueira de Ambía.
Lembran ademais que non se debe autorizar o aproveitamento cinexético de especies que presenten un estado de conservación desfavorábel ou das que se descoñecen os seus niveis poboacionais, segundo a Ley del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad.
E subliñan que, malia iso, Galicia autoriza a media veda na Lagoa de Antela (coa figura de protección zona ZEPA), unha zona húmida na que existen “outras especies en perigo de extinción”.
O movemento ecoloxista sitúa “a presión cinexética” como unha das principais ameazas que sofre esta especie, xunto a alteración dos hábitats dos que depende a súa alimentación e reprodución.