NOTICIAS A LIMIA | Tres sociedades científicas presentan alegacións ao proxecto de regadíos na Limia
O proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío das 42 captacións das augas subterráneas na Limia pretende desenvolver tres redes colectivas de transporte de auga para a rega nunha zona de actuación que cubriría unha superficie de case 50 km2, afectando a zonas de especial protección para a biodiversidade.
A construcción de tres balsas de rega, pozos de bombeo das captacións subterráneas, uns 120 km lineais de tubaxes, camiños, edificios de control, estruturas especiais para a rega e a electrificación de todo o sistema para o funcionamento supoñen un grave e irreversible impacto ambiental na zona de actuación.
Por iso, e polo risco de sobreexplotación hidrolóxica, a Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO/BirdLife), a Sociedade Galega de Historia Natural e a Sociedade Galega de Ornitoloxía presentaron alegacións ao Proxecto "A Limia 2022", polos graves impactos que podería causar en espazos e especies protexidas.
As organizacións apuntan que se producirá un aumento da intensificación agrícola e unha potencial sobreexplotación do acuífero, amplificando os impactos ambientais do proxecto. A obra, de 36 millóns de euros, apenas contempla un 0,8% do orzamento para a posta en marcha dalgún tipo de medida correctora que amorteza os graves impactos que sufrirá o territorio.
As tres organizacións solicitaron ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que se denegue a autorización do proxecto pola importancia botánica da zona, o impacto na biodiversidade e por ser un proxecto contrario á estratexia de conservación de aves ameazadas.
Impacto para a biodiversidade
A zona afectada está incluída dentro dunha das principais Áreas Importantes para a conservación das Aves e a Biodiversidade (IBA) de Galicia, afectando tamén a unha parte significativa dun espazo da Rede Natura 2000, a ZEPA da Limia, e xunto a unha Reserva da Biosfera.
O espazo afectado constitúe un dos últimos territorios reprodutores para algunhas especies de aves da rexión, como a avefría europea ou o alcaraván común, e alberga poboacións de plantas e aves catalogadas como ameazadas por ser vulnerables ou estar en perigo de extinción a nivel estatal e rexional, como a tartaraña cincenta, o sisón común ou o cardiño de lagoa.
A posible vulneración da normativa europea en materia de medio ambiente e a falta de avaliación de repercusións e impactos sobre espazos protexidos son motivos polo que as tres sociedades científicas presentan as alegacións ó proxecto.