🔵 NOTICIAS A LIMIA | O touro azul de Osborne é froito dunha acción para facelo “desaparecer” no ceo
Foi este dixital o primeiro en contar, o pasado día 20, que o icónico touro de Osborne de Trasmiras virara ao azul do ceo da noite para a mañá, provocando non pouca estupefacción entre os veciños do lugar, do propio municipio e de moitos automobilistas que non daban creto ao que estaban a ver. A estrutura, de sempre tinguida de negro, espertaba de azul ao tempo que activaba á Garda Civil do posto de Trasmiras, que comezou a realizar as oportunas pesquisas.
Segundo unha información que publica a edición galega de elDiario.es, a pintura azul do Touro de Osborne é obra duns grafiteiros que tiñan a intención de facer "desaparecer" o símbolo pintando da cor do ceo contra a que se proxecta a imaxe do valado publicitario.
A Garda Civil de Trasmiras abriu dilixencias o pasado día 10, martes, despois de comprobar que o valado tiña sido pintado. Nun patrulla ordinaria, os axentes apreciaron a pintura no Touro, situado nunha cuíña sobre a N - 525 á entrada de Trasmiras. Subiron á cima e apreciaron restos de pintura no chan.
Os axentes fixeron unha reportaxe fotográfica e preguntaron no Concello de Trasmiras se tiñan constancia dalgúns traballos de mantemento no valado. A Garda Civil de Trasmiras abriu as dilixencias, xa que considera que o Touro ten protección patrimonial, pero non interpuxo denuncia ningunha porque non se coñece o autor material.
A publicación do elDiario.es, que inclúe fotografías dos autores da pintada, informa de que "hace dos semanas, tres personas armadas con pértigas y 15 litros de una pintura que simulaba el cielo se acercaron al toro de Osborne, colocado a la orilla de una carretera a las afueras de Xinzo de Limia" para transformar o valado, pintándoo durante a noite.
O Touro segue pintado de azul, e a silueta quedou máis diluída no horizonte mais segue identificándose desde a estrada e mesmo desde a autovía. O Diario do Limia tratou de poñerse en contacto coa firma Osborne, que nos anos sesenta popularizou a silueta ideada polo artista Manuel Prieto como parte dunha campaña publicitaria.