NOTICIAS A LIMIA | Mozos limiaos e bolivianos únense polo ben común das comunidades
Esta semana, a área educativa do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso reuniuse con Educo, unha ONG que traballa polos dereitos da infancia dende unha perspectiva de cooperación internacional co convencemento de que a educación "cura e protexe". Este encontro serviu para estreitar lazos nun proxecto que comezará o vindeiro mes.
O CDR O Viso e Educo colaborarán nunha iniciativa na que a mocidade será a protagonistas. Un grupo de mozos limiaos establecerán lazos con outros de Bolivia e, ao mesmo tempo, adestrarán o bo trato nas relacións interpersoais. O obxectivo do proxecto é que as xeracións futuras identifiquen e persigan xeitos de relacionarse que estén basados "no respecto, no entendemento e no amor" para lograr un ben común: a comunidade.
A colaboración entre ambas entidades comezará nos mes de febreiro coa formación das persoas profesionais que formarán parte del, mentres que en marzo iniciarase o traballo directo cunha ducia de adolescentes da Limia. O proxecto estenderase ata xuño e culminarase cunha campaña de incidencia social dirixida polos propios rapaces. Ademais, esta iniciativa está amparada pola Axenda 2030 e os Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible.