NOTICIAS A LIMIA | A Xunta promete en Ourense 16 millóns para o regadío da Limia
José González, o conselleiro de Medio Rural, presidiu hoxe en Ourense a xuntanza da Comisión de seguimento de regadíos da Limia, e anunciou que a Xunta investirá na comarca 16 millóns de euros -"que servirán para modernizar o regadío", segundo o comunicado oficial-, outros catro millóns para a construción de 42 pozos, e 16 millóns máis que achega o Goberno central para a limpeza das canles e dos camiños nas áreas de regadío.
O conselleiro, di a nota de prensa, "agradeceu a vontade de todos os axentes da bisbarra, así como dos agricultores e gandeiros, para avanzar na sustentabilidade das súas explotacións e amosou o seu orgullo pola importante produción agraria de toda esta zona".
Cando o decreto de declaración da Limia como zona vulnerábel segue pendendo como unha ameaza sobre sector primario e o chamado plan estratéxico para a economía limiá segue esperando nun caixón, José González, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, reuniuse esta mañá con responsábeis das comunidades de regantes, técnicos da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, representantes dos gandeiros, alcaldes e responsábeis das empresas encargadas das obras.
Nesa reunión, o conselleiro de Medio Rural destacou o esforzo que fai a Xunta na Limia, con ese fondos de 16 millóns servirán para modernizar o regadío, así como os 600.000 euros que destina o seu departamento, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, para a reparación de camiños na comarca, "todo enmarcado no Plan estratéxico do sector agrario da Limia".
Medio Rural asinou acordos con catro comunidades de regantes para executar 42 novos pozos de sondaxe. Trátase das comunidades de San Salvador de Sabucedo, Lamas Ganade, Corno do Monte e Alta Limia. "Porén, José González lamentou que aínda non se puideran iniciar estas obras, xa que faltan as preceptivas autorizacións da devandita Confederación Hidrográfica do Miño-Sil", indica o comunicado.
González aproveitou o encontro para reiterar a necesidade de "colaboración institucional co Goberno de España", e avanzou que mañá mesmo está previsto un encontro de traballo a directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, o presidente da Sociedad Estatal de Infraestructuras Agrarias e representantes das comunidades de regantes.