NOTICIAS A LIMIA | A maleza converte nunha "selva" a Esperanzo, en Lobios
O núcleo de Esperanzo, en Lobios, sofre as consecuencias da falta de limpeza nos montes e estase a ver rodeado dela. O PSOE do municipio acusa á alcaldesa, María del Carmen Yáñez, de “mirar para outro lado” mentres segue a crecer.
Esta falta de limpeza pon en “grave” perigo ás propiedades e á veciñanza de Esperanzo en caso de producirse un incendio. Os socialistas denuncian en concreto dúas fincas que están convertidas en “selvas” e atópanse ao carón das vivendas. Desde a oposición sinalan que a alcaldesa ,“a pesar de ter competencias para proceder á limpeza das mesmas, prefire obviar a situación”.
Ditas propiedades son privadas e levan moitos anos “totalmente abandonadas” e nas que se atopan dous vehículos cheos de combustible e cubertos de maleza, segundo a Agrupación Socialista de Lobios.
A situación púxose en coñecemento do Concello hai máis de dous anos para que se procedese a unha solución, pero a día de hoxe, “seguen sen limparse estes terreos nos que as silveiras e a maleza non deixan de crecer”.
Unha vez denunciada a situación ante o Concello, enviáronse tres cartas certificadas ós donos para que limpasen esas fincas situadas en zona urbana. Non houbo resposta, segundo din os socialistas, e o goberno local non actuou en consecuencia limpando o terreo pasándolle a factura ós donos ou unha multa.
Patrick Rodríguez, secretario de organización da nova executiva local do PSOE de Lobios, sinala que esta situación “amosa que a alcaldesa desenténdese por completo dos problemas da veciñanza en lugar de buscar solucións en plena vaga de lumes e cunha onda de calor”. Rodríguez tamén recalca a perigosidade de que haxa dous vehículos con combustible que, de orixinar un incendio, “tería unhas consecuencias catastróficas”.
Rodríguez González afirma tamén que “temos claro que a responsabilidade e do Concello e que en caso de que acontecese algunha desgraza, cousa que non queremos, a responsabilidade penal recaería no goberno municipal”. Ademais, reoñece que existen “whatsapps de varios veciños pedíndolle que tome medidas”.
Desde o PSOE de Lobios tamén critican a “hipocresía” do PP local, xa que tal e como explican, “promocionan charlas da Xunta de Galicia en parroquias de alta actividade incendiaria como é o caso de San Paio de Araúxo, á que pertence a aldea de Esperanzo, pero non poñen solucións o aumento da maleza e a falta de desbroces nestas zonas, a pesar de estar situada na zona de influencia dunha reserva da biosfera e Parque Natural Transfronteirizo”.