AXENDA | Fin de semana de concertos, presentacións de libros e unha homenaxe
Achégase un fin de semana con diversas propostas culturais na comarca da Limia, sobre todo no relativo á presentación de libros e concertos. Os protagonistas desta axenda da terceira semana de setembro son o Concello de Xinzo de Limia, Trasmiras, Sandiás e Vilar de Santos.
Venres día 17 -suspendido o evento- :
No día de hoxe ás 20:15 horas, o escritor Edelmiro Martínez Cerredelo, ía presentar na praza Carlos Casares de Xinzo o seu libro "O entroido de Xinzo de Limia", unha obra que amosa o cambio notable que experimentou o Entroido limiá ao longo do tempo. Desafortunadamente informábase esta mañá da cancelación do evento por mor do falacemento dun familiar do escritor -darase unha nova data do acto cando sexa posible- . Á presentación ían asistir os escritores Antón Riveiro Coello e Federico Cocho de Juan.
Sábado día 18:
No mesmo concello, e durante a mañá do sábado 18, terá lugar o II Memorial Eloy Conde no complexo deportivo de A Moreira, un acto que conmemorará ao ex - futbolista e ex - adestrador limiá do Antela F.C. Nel xogaranse unha serie de partidos amistosos por parte dos equipos infantís de fútbol E.D.C de Xinzo, R.C. Celta e o Ourense C.F. O programa dará inicio ás 10:00 horas, sendo ás 11:50 o acto memorial, e ás 13:00 a ceremonia final e entrega dos premios.
Cara ás 19:30 da tarde, na praza Carlos Casares de Xinzo, a Banda de Música de Celanova visitará o concello para ofrecer un concerto dunha hora de duración. A actuación forma parte do Ciclo de Concertos O País das Bandas, o cal quere impartir cen audicións por toda Galicia a cargo de 77 agrupacións nos meses de xullo e setembro.
Este mesmo sábado -a partir das 19:00 horas- levarase a cabo no pavillón de deportes do Concello de Trasmiras a presentación da obra "Memoria Temoeira", un libro que recopila mediante fotografías medio século de vida do Concello, concretamente de 1940 a 1990. Xunto co evento tamén se inagurará unha exposición de 33 fotografías seleccionadas da obra, neste caso a exhibición será na Casa do Concello.
Seguindo co sábado, no polideportivo do Campo de San Nicolás do Concello de Sandiás, o cómico Serxio Pazos interpretará un monólogo humorístico no que recreará unha sociedade que está a sufrir unha pandemia por mor dun becho que quere acabar coa especie humana. A sesión dará inicio ás 20:00 horas.
Domingo día 19:
O domingo será un día de concertos para o Concello de Vilar de Santos. A taberna cultural A Arca da Noe organizará no espazo Carabunhas tres sesións de actuacións, a primeira será ás 13:30 horas a mans da cantautora Guadi Galego, seguido ás 17:00 co grupo O Sonoro Maxín. Na metade das actuacións, sobre as 16:00, haberá un espectáculo infantil de Títeres Alakrán. Poderanse conseguir entradas a un prezo de 30 euros chamando á organización, a cales incluirán o acceso aos tres espectáculos ademais dun menú de comida, merenda e vermú.