🔴 ÚLTIMA HORA | Dous feridos leves nunha saída de vía na estrada de Baltar
Dúas persoas, unha muller e un home, resultaron feridas leves a primeira hora desta tarde como consecuencia dun accidente provocado pola saída de vía do vehículo no que viaxaban na estrada de Xinzo a Baltar. Ambos foron trasladados por precaución e para ser sometidos a probas.
O sinistro tivo lugar na OU-304, nun tramo de subida (o vehículo circulaba en dirección a Baltar) pertencente a parroquia de Nocedo, do concello dos Blancos. O vehículo, unha furgoneta Ford Rangers, saíuse da vía, caeu á gabia e impactou cunha canalización dun acceso a unha pista.
A furgoneta presentaba danos na parte dianteira. Saltaron os airbags dianteiros e o parabrisas rachou. Mais a condutora e o seu acompañante, unha parella veciña da zona, non sufriu lesións de consideracións.
Unha ambulancia trasladou aos feridos apenas un cuarto de hora despois de ser lanzada a alerta. Unha unidade de Tráfico da Garda Civil e unha grúa procedían á retirada do vehículo unha hora despois do accidente, en presenza dun familiar dos feridos.