NOTICIAS A LIMIA | Folclore, cultura da raia, medio ambiente, gastronomía e deporte na XIII Festa Popular de Baltar
O Concello de Baltar, en colaboración coa Deputación de Ourense, celebra o próximo sábado, 5 de agosto, a XIII Festa Popular na que se mestura a tradición e a cultura da raia con actividades destinadas a fomentar a conservación do medio ambiente, a degustación de produtos locais, iniciativas para unha vida saudable e o deporte.
O programa, que se desenvolverá en horario de tarde, ten como obxectivo lembrar que non hai fronteiras, de tal xeito que os asistentes poderán asistir a unha exhibición de folclore portugués. Ademais dunha ampla oferta de xogos populares, no apartado gastronómico haberá unha degustación de produtos da terra, acompañados de porco ó espeto.
Na presente edición tamén se inclúe unha exposición do concurso medioambiental “Stop incendios”, no que participaron un cento de rapaces de entre tres e doce anos con debuxos relativos aos lumes forestais. E para o fomento de hábitos de vida saudables, a organización premiará a todas aquelas persoas que, de xeito voluntario, fagan un control de alcoholemia e dean negativo.
O deporte estará representado polo Campionato Galego de Parapente, proba que se celebra con carácter previo á competición nacional que tamén terá lugar na Serra do Larouco.