A Consellería de Medio Rural informou a primeira hora de esta mañá que os servizos de extinción apagaron un incendio na parroquia de Rubiás (Calvos de Randín) que afectou a unha superficie dunha hectárea de monte raso, e que "parte do incendiou rexistrouse no Parque do Xurés".
A raia comezou a sufrir lumes a mediados de xaneiro debido ás altas temperaturas para esta época do ano e a ausencia de precipitacións. A maioría entraron desde Portugal nestas últimas dúas semanas. Pero durante a noite de onte, despois de varias xornadas sen alertas no monte, rexistráronse incendios na Mezquita, Bande, Chaguazoso, A Gudiña, Vilariño de Conso, Viana do Bolo e Allariz.
O Parque Natural do Xurés, o maior espazo protexido do país, xa sufriu este ano incendios en diferentes parroquias dos concellos de Muíños, Lobios e Entrimo, en especial na vaga de lumes na raia a última fin de semana de xaneiro.