NOTICIAS A LIMIA | As temperaturas seguen a baixar e a comarca rexistra ata -9 graos
O mes de febreiro remata hoxe marcado polas baixas temperaturas, que se agardan tamén para o inicio de marzo. Os termómetros seguen a baixar estes días e, ao longo desta noite e das primeiras horas da mañá, chegáronse a rexistrar na comarca temperaturas de -9 graos.
Segundo os datos recollidos por MeteoGalicia, a estación meteorolóxica de Calvos de Randín rexistrou unha das temperaturas máis baixas de toda a comunidade, con -9,1 graos ás 3:40 horas desta madrugada. Só a superaron na montaña de Manzaneda, con -9,4 graos; e en Corzos (A Veiga) igualaron a súa temperatura.
Nas estacións meteorolóxicas situadas a menos de 900 metros de altitude, os -9,1 graos de Calvos de Randín foron a temperatura máis baixa de toda Galicia. De preto, síguea Baltar, onde se acadaron os -8,7 graos ás 8:20 horas desta mañá. Esta noite foi a segunda máis fría para os veciños de Calvos, superada só polos -10 graos rexistrados o 31 de xaneiro. No caso de Baltar, esta mañá acadaron a súa temperatura máis baixa deste 2023, ao deixar atrás os -7,7 graos do pasado 29 de xaneiro.
A situación en Xinzo non foi moito mellor. Nesta mañá, MeteoGalicia rexistrou na súa estación meteorolóxica -7,4 graos ás 8:10 horas, unha temperatura case dous graos máis fría ca acadada este luns. A cifra marcada hoxe, convértese na máis fría do ano no concello de Xinzo.
No resto da comarca, as temperaturas son similares. No concello dos Blancos as mínimas roldaron os -8 graos, mentres que en Porqueira, Trasmiras, Sandiás, Vilar de Santos e Sarreaus o fixeron en torno aos -7. As máis suaves, aínda que frías, acadáronse en Vilar de Barrio e Rairiz de Veiga, con -6.
Na pasada noite, o nivel amarelo de risco por baixas temperaturas da Axencia Estatal de Meteoroloxía activouse para todo o sur da provincia e repetirase hoxe entre as 00:00 e as 9:00 horas de mañá. A predición para os vindeiros días de MeteoGalicia é que as temperaturas mínimas irán subindo lixeiramente de cara á fin de semana.